
Simulación satelital para a madrugada do Luns 11 de Decembro. Modelo ECMWF.
Tras un Outono do máis aburrido, no que tan só tivemos algúns episodios de chuvia pouco importantes que non chegaron a nada, semella que este Decembro a atmosfera se quere comportar algo mellor coa tan necesitada terra e nos traerá algo máis de movemento con máis precipitacións e tempo propio da época do ano. Sen ir máis lonxe, comezamos o mes cunha entrada fría bastante importante que nos deixou xeadas fortes en moitos puntos do interior de Galicia, con mínimas que chegaron a marcar ata -9ºC en Calvos de Randín (Ourense), unha zona na que son habituáis as mínimas moi baixas. Pero con estas entradas de norte non se arranxa unha seca que cada vez vai a peor, ten que vir moita, pero moita chuvia a partir de xa, e semella que o tempo quere comezar a facerse máis revolto e inestable.
Os modelos están de acordo en que mañá se formará unha potente borrasca que se paseará polo mar Cantábrico para finalmente impactar en Francia. Todas as borrascas, na súa formación, experimentan un proceso de cicloxénese, non é nada especial. O que si é menos frecuente e máis severo é cando ese proceso de cicloxénese é explosivo, é dicir, cando unha borrasca se profundiza máis de 18-20 mb en 24 horas ou 9-10 mb en 12 horas, estamos falando dunha profundización do seu centro moi bruta. O que provoca isto é que a situación meteorolóxica en terra sexa do máis adversa, con chuvias moi intensas e refachos de vento de máis de 100 km/h. É algo ao que estamos acostumados en Galicia, pero iso non quita que non haxa que informar, xa que son procesos habituáis nas nosas costas, pero perigosos.
Coma sempre nestos casos, o proceso de formación da borrasca comezaría nunha zona baroclina ao norte das Illas Azores, unha zona na que existe un gradiente de temperatura pero coa mesma presión. Estas zonas son moi sensibles á formación de potentes borrascas, e este será o claro caso. Durante a xornada Dominical esta pequena borrasca irase desprazando cara o Cantábrico á vez que se profundiza, orixinando un temporal de chuvia, vento e ondas que dará que falar. Esa borrasca xa ten nome, ANA.
No seu avance cara Francia, iríase profundizando e a súa fronte asociada deixaría acumulados moi importantes en practicamente toda a comunidade. Como vedes, as chuvias superarían os 100 l/m2 en moitos puntos do oeste de Galicia, mesmo tamén en zonas altas do interior. Estamos falando dunha situación adversa pola chuvia, pero ollo ao vento. Non se sabe moi ben aínda o punto exacto polo que vai pasar ANA, pero todo indica a que o vento dará e moito que falar con refachos que superarán os 100 km/h en practicamente toda a comunidade, mesmo nos puntos altos deberíanse superar os 150 km/h sen dificultade. De feito, a AEMET xa activou o aviso de nivel LARANXA para toda a comunidade por refachos do suroeste de máis de 90-100 km/h, polo tanto moita precaución. Xa sabedes que a última hora, por suposto, estará na páxina de Facebook e tamén na conta de Twitter, atentos aí.
Na costa tamén haberá que estar atentos ás ondas. O Luns a altura das ondas será de 6-7 metros en toda a costa Galega, especialmente na costa Norte onde non se descarta que as haxa de 8 metros. Ademáis, nesta xornada, tralo paso da borrasca, chegará unha masa de aire frío marítimo que traerá bastante aire frío en altura, isto tradúcese en chuvascos que poden ser intensos, con saraiba e tamén algunha treboada e con NEVE por riba dos 800-900 metros de altitude. Pero será por riba dos 1600 metros, máis ou menos, cando os espesores nivosos poidan ser bastante importantes, pero todo depende do frío que finalmente entre a distintas alturas, que non está moi claro aínda.
Polo tanto, temos por diante unha situación de temporal moi interesante a seguir con precipitacións que chegarán a toda Galicia e con forza. Sen dúbida unha alegría e un alivio ante a seca que estamos a padecer. Os orballos que estamos a ter hoxe e os de días atrás xa empaparon ben a terra para que non lle custe recibir tanta auga na xornada de mañá. Xa sabedes, esteredes informados da última hora na nosa conta de Twitter e na páxina de Facebook.