
Imaxe de satélite infravermella das 06:00 h desta mañá.
Este Outono estaba sendo do máis aburrido ata que chegou Decembro e cambiou a dinámica por completo. Chegaron as xeadas, o tempo propio da época e xusto despois chegou o primeiro gran temporal da tempada, a borrasca «ANA» deixaba rexistros de chuvia de máis de 200 l/m2 en 24 horas o pasado Domingo 10. En A Lama, no interior de Pontevedra, caían esa xornada 232 l/m2, un acumulado que era RÉCORD de precipitación máxima rexistrada en Galicia nun día, e dicir, nunca houbo unha xornada tan chuviosa dende que hai datos. Tras esa histórica xornada, viñeron días de chuvias pero menos intensas.
Agora semella que o anticiclón collerá forza, de feito xa o temos enriba, e nos influenciará polo menos ata a xornada de Nadal. Polo tanto, cabe agardar uns días de tempo moi estable, con sol, poucas nubes e, iso si, ao ser o típico anticiclón Invernal, con moito frío polas noites, con xeadas e neboas en zonas de interior. Estamos nos días máis curtos do ano e en zonas de val, ás neboas non lle da tempo a romper, e nalgunhas zonas pódese manter durante todo o día, mantendo temperaturas xélidas, isto provócano as altas presións.
No cadro da esquerda, móstrovos como evolucionará o tempo na capital do Lérez ata o Venres. Como vedes, tempo estable pero na madrugada do Martes chegarán nubes procedentes dunha fronte que non deixará precipitacións na cidade, pero si na metade norte da comunidade poderían ter algúns orballos. Con motivo da chegada desas nubes, non se agardan xeadas pero a partir do Mércores volverá despexar e de novo estaríamos falando de bastante frío con posibilidade de xeadas a de madrugada e a primeiras horas. En definitiva, estabilidade con temperaturas agradables nas horas centráis do día (agás nas zonas de néboa) pero con frío polas noites.
-Posibles cambios para os derradeiros días do ano

Tendencias previstas polo modelo CFS das anomalías a 500 hpa
Pero todo indica que este anticiclón non se persistirá tanto coma aos que vimos tendo durante este ano, un ano que será dos máis secos dende que hai rexistros. A situación ata as xornadas de Noiteboa e Nadal está máis ou menos clara, tempo estable como xa comentamos en párrafos anteriores e sen chuvias, pero a partir de aí, todo podería comezar a inestabilizarse.
Semella que o anticiclón que nos abrazará durante esta semana perderá forza ao final desta e que, á vez que este perde forza, as borrascas que vaian saíndo de Terranova gañarán poderío. As altas presións parece que se poderían retirar cara o oeste deixando o Atlántico a merced dos centros de baixas presións, establecéndose unha circulación de ventos do oeste/suroeste de cara os derradeiros días do ano. Isto o que nos traería sería, de novo, chuvias intensas e ventos fortes, sería unha boa maneira de rematar un ano que foi nefasto en canto a chuvias se refire.
Polo tanto, comezaremos as festas con tempo estable, pero as tendenzas indican que para rematar 2017 a situación poderíase inestabilizar de novo, coa dinamización do Atlántico e con ventos do oeste/suroeste que nos achegarían frontes e a tan ansiada chuvia. Estaremos moi atentos do que nos vaian mostrando os modelos en futuras actualizacións. Coma sempre, estou a diario na conta de Twitter e tamén na páxina de Facebook.