
Imaxe de satélite infravermella con isobaras. 06h do Xoves 22 de Febreiro.
Durante estos días pasados, tanto en Twitter coma na páxina de Facebook, veño comentando un aumento da temperatura da estratosfera, o que se denomina «quecemento súbito estratosférico», que xa está a debilitar o vórtice polar e que vai provocar que durante a vindeira semana a configuración atmosférica se presente moi interesante, debido a un cambio de patrón que permitirá que as masas de aire frío circulen por latitudes máis baixas do habitual.
O debilitamento do vórtice polar, provoca que se formen máis meandros na troposfera, e dicir máis vaguadas, máis intercambios de masas de aire, xa que as altas presións ascenden cara latitudes altas, cara a contorna de Escandinavia-Groelandia-Islandia, obrigando ás borrascas a baixar de latitude, afectando de cheo á Península, á vez que unha masa de aire frío procedente de Sibeira irá baixando por centro Europa, conxelando os termómetros. E aquí é onde chega a dispersión nos modelos, xa que temos moitos escenarios posibles que pode haber na vindeira semana, pero os tres máis probables son os que comentarei a continuación.
Escenario 1: Chuvias abundantes e ambiente máis temperado

Infografía elaborada por David Domínguez. Posible escenario para a vindeira semana.
O primeiro escenario posible que nos encontramos, é que as borrascas gañen forza e impulsen o aire frío siberiano polo oeste de Europa, afectando de cheo ás Illas Británicas, Norte de Francia, e gran parte de Europa pero quedando o sur e suroeste do continente á marxe de dita masa de aire xélido. O que teríamos con esta configuración serían potentes borrascas circulando moi preto da Península Ibérica, con réxime de vento do sur e suroeste, vento moi húmido, que traería chuvias moi abundantes a gran parte do país, sendo as zonas máis afectadas, como sería normal con esta configuración, toda a fachada atlántica da Península, pero afastando as nevaradas en cotas moi baixas a latitudes máis ao norte.
Este deslizamento do aire frío máis ao norte da Península, seguramente con esta configuración iría a parar ao atlántico onde, con tanto aire frío en altura, podería seguir reforzando as borrascas, dándolle máis forza e duración ao episodio de chuvias na Península. Este escenario sería moi benvido en zonas moi necesitadas como Portugal, o suroeste da Península e o centro, onde non chove con ganas dende fai moito tempo.
Escenario 2: Choque de masas, neve e chuvia

Escenario 2: Choque de masas, neve e chuvia.
Outro posible escenario que se está manexando é que as dúas masas de distinta natureza se encontren na Península Ibérica e se produza un «choque de masas», seguramente, isto sería a opción máis inestable e a que máis xogo daría, xa que teríamos de todo. Primeiramente, unha borrasca Atlántica regaría gran parte do país e, no seu paso cara o Mediterráneo, atraería a masa de aire frío siberiano cara o suroeste de Europa. O que pasa, e que o Atlántico seguiría formando borrascas e algunha estaría moi preto da Península. Nesta situación teríamos neve en cotas moi baixas da metade norte (polo menos ao principio) e moita chuvia no centro e sur do país. Ademáis, é a situación que daría máis xogo, xa que teríamos a precipitación que nos darían as borrascas, e o frío siberiano, isto mesturado sería unha mestura que daría lugar a moita neve, principalmente na metade Norte.
Escenario 3: Máis frío, pero con menos precipitación.

Escenario 3: Máis frío pero con menos precipitación.
E o terceiro posible escenario é o seguinte. Pasaría unha borrasca Atlántica cara o Mediteráneo e dende aí impulsaría a masa de aire xélido sobre nós. As borrascas Atlánticas non terían tanta forza e poderíase formar un bloqueo anticiclónico entre as Illas Azores e Groelandia, bloqueando o paso a borrascas que se dispuxeran a afectar a España. Esta, agora mesmo, é a opción menos probable, pero de darse, na maior parte do territorio Español esta situación sería moi seca, agás en zonas do leste e extremo norte, onde se producirían algúns chuvascos que seguramente darían lugar a neve en cotas moi baixas, pero ao ser a circulación do nordés, as precipitacións serían mais ben escasas agás nas zonas anteriormente mencionadas.
Como vedes, temos unha amplia variedade de configuracións que se poden dar durante a vindeira semana, todas con consecuencias totalmente distintas según as zonas, pero, cunha rexión e altas presións en latitudes altas, as borrascas veranse obrigadas a circular por latitudes máis baixas e é moi probable que nos cheguen a afectar, deixando precipitacións abundantes en zonas moi necesitadas.
O índice AO (Oscilación Ártica), sirve para medir as diferenzas de presión entre as borrascas do ártico e as altas presións subtropicais. Cando este índice se encontra en valores positivos, temos un vórtice polar con moita forza e un anticiclón subtropical tamén moi afianzado na súa posición, pero cando se volve a valores negativos, a situación invírtese e as altas presións suben de latitude e as borrascas baixan.
É unha gráfica moi ilustrativa para ver a tendencia que pode ter a atmosfera a longo prazo, e agora vemos como se vai desplomar a valores moi baixos, isto danos unha idea de por onde circularán as borrascas. O anticiclón das Azores estará desaparecido e o seu espazo ocuparano as baixas presións, afectando de cheo á Península con acumulados que poden ser importantes na fachada Atlántica.
Polo tanto, estamos ante unha configuración atmosférica do máis interesante, e que podería traer chuvias abundantes a zonas moi necesitadas, á par que un tempo moi variado ata ben entrado Marzo, sen dúbida este será un episodio que a terra de gran parte da Península agradecerá, ademais xa estaremos en Marzo, a piques de comezar a Primavera, e canto máis chova nesta estación mellor.
Coma sempre, iremos seguindo a última hora das actualizacións dos modelos e por suposto a última hora tamén do episodio na conta de Twitter e tamén na páxina de Facebook.