
Modelo ECMWF. Precipitación prevista Luns pola tarde.
Vimos de rematar un mes de Marzo que estivo marcado claramente pola presenza das baixas presións na contorna da Península Ibérica. O anticiclón das Azores, desaparecido ou moi debilitado, permitiu que as borrascas baixasen moito da súa latitude habitual, afectando de cheo a España con acumulados que foron importantes en toda a marxe Atlántica Peninsular.
Ademais, non foron borrascas acompañadas de aire cálido. Viñeron con moito aire frío en altura e tamén en capas medias, polo que a inestabilidade foi moi acusada. Debido a ese aire frío en altura tivemos moitas treboadas, chaparróns intensos e saraibadas fortes, con nevaradas que nos puntos altos de Galicia deixaron espesores de máis de 100 cm, como é o caso da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda onde teñen ata 180 cm de espesor de neve acumulada, condicións perfectas para esquiar.
Agora, cambiamos de mes, pero semella que imos seguir coa mesma dinámica atmosférica que nos acompañou durante o pasado mes de Marzo. As borrascas seguirán a pasar moi preto da Península enviando máis frontes e máis chuvias, tal e como vedes na imaxe que encabeza este artículo. A primeira fronte chegará na madrugada do Luns con chuvias que serán máis intensas e persistentes na metade oeste coma case sempre con estas situacións. Pero a situación máis «adversa» digamos, será o Martes.
A xornada do Martes virá marcada polo paso dunha pequena pero semella que profunda borrasca moi preto de Galicia. De momento, hai bastante discrepancia entre os modelos conforme que traxecto realizará finalmente esa borrasca, pero a día de hoxe o seu percorrido máis probable será ao norte da comunidade.
De seguir esta traxectoria, o que cabe agardar é un Martes complicado polo vento pero tamén polas liñas de precipitación que se vaian achegando dende o mar. De novo, a borrasca virá con moito aire frío en altura polo que a inestabilidade será acusada, con liñas e chuvascos que semella que descargarán con forza e que poderían vir acompañadas de saraiba e tamén de treboadas, con nevaradas a partir de 1000-1100 metros que deixarían espesores importantes nas nosas montañas.
Ademais, na costa Galega estaríamos falando dun novo temporal con vento forte e ondas de máis de 6 metros de altura, polo tanto, nova xornada invernal.
A partir de aí, semella que a 2ª metade de semana, tras unha pequena tregua na xornada do Xoves, volvería a ser inestable xa que as borrascas volverán a estar preto da Península, aínda que é posible que non sexan precipitacións tan persistentes e o tempo sexa máis variable, máis primaveral sen tanto frío, pero para isto queda moito e aínda hai que ir afinando como se comportará a 2ª borrasca da semana, pero en xeral, temos por diante outra semana de inestabilidade con chuvias e neve nas montañas.