Pó sahariano e temperaturas de case 44ºC nos vales do interior

image-download

Imaxe do satélite TERRA no mediodía do Venres 3 de Agosto

Tal e como indicaban as previsións, estamos a ter xornadas verdadeiramente abafantes no centro e sur de Galicia debido a unha lingua de aire cálido procedente do continente Africano que nos está a deixar temperaturas moi elevadas, tanto durante o día con rexistros de ata máis de 43ºC, como polas noites, con madrugadas nas que as temperaturas mínimas, nalgunhas zonas, non son quen de baixar dos 25ºC debido á potente masa de aire cálido que temos enriba.

Durante a xornada de onte Venres, tras unha madrugada moi cálida con mínimas que non baixaron dos 20ºC na meirande parte de Galicia, o que se considera unha noite tropical, coa saída do sol, as temperaturas comezaron un ascenso implacable que culminou con temperaturas que nos vales do Miño, así como noutros puntos de Ourense, chegasen a sobrepasar con facilidade os 40ºC de temperatura máxima, algo non moi habitual en Galicia. Outra cousa que comentou bastante xente foi a presenza de pequenos chuvascos pola tarde, con gotas moi gordas e de nubes aparentemente solitarias, sen perigo algún. Isto debeuse a unha pequena circulación cerrada ao noroeste de Galicia, que con algo de aire frío en altura e con todo ese calor en superficie, foi quen de formar algunhas nubes de evolución que descargaron algún pequeno chuvasco pero en todo caso de curta duración e, debido á presenza de pó en suspensión, de barro.

imaxe

Mapa de temperaturas máximas do Venres 3 de Agosto na rede de MeteoGalicia

O mapa da esquerda móstranos as temperaturas máximas acadadas onte na rede de estacións que MeteoGalicia ten en funcionamento. As cores rosas son as protagonistas no centro e sur, isto o que quere dicir, según a lenda do mapa, e que os valores máximos chegaron a superar os 36-37ºC na meirande parte das zonas. Resulta moi chamativa esa facilidade para superar os 40ºC en todo o val do Miño, dende As Eiras (O Rosal) onde chegaron a marcar 41,5ºC, pasando por Cequeliños, en Arbo, onde se acadou a máxima de Galicia, con nada máis e nada menos que 43,5ºC! un valor altísimo. Se seguimos o curso do Miño, chegamos a Ourense, onde en Remuiño (Arnoia) se deron 42ºC, en Leiro 41,7ºC, e na cidade de Ourense tamén, uns impresionantes 42,7ºC! Cabe resaltar que a estación de Ourense AEMET rexistrou 1ºC menos, 41,7ºC, quedando a tan só 0,9ºC da súa máxima absoluta de sempre, 42,6ºC en Xullo do ano 1990. Seguramente, se non houbera presenza de pó en suspensión, que sempre tapa algo máis o sol, a máxima na estación de Ourense-AEMET pasaba dos 42ºC. Da rede de AEMET tamén destaca Ribadavia con 42,1ºC, e tamén Verín e Ponteareas-Canedo con 41,6ºC. Como vedes, moitas zonas por riba dos 40ºC nesta xornada de Venres.

Se nos imos a outras zonas do oeste, Vigo acadou 37,7ºC, Pontevedra-Campolongo 38ºC, Meis 39,3ºC, Rebordelo (Cotobade) 38,7ºC, Camanzo (Vila de Cruces) 39,2ºC. Valores moi altos, agás no extremo norte e, especialmente, como case sempre, a Mariña Lucense onde se deron das máximas máis baixas de Galicia. Mentras no Miño superaban os 40ºC, Foz marcaba 23,6ºC, ou Burela, con aínda menos temperatura, tan só 20,6ºC. Sobre os efectos do nordés, escribín fai unhas semanas un artigo ao que podes acceder pinchando aquí

Outro elemento a destacar, a parte da intensa calor, foi a presenza de pó en supensión. A lingua de aire cálido trouxo con ela unha extensa masa de calima que xa o Xoves pola tarde se comezou a notar no ceo Galego pero non foi ata onte cando de verdade se deixaron sentir os seus efectos, con moi mala visibilidade, ceo moi turbio, un ambiente bastante desagradable. E isto fotografiástelo vos. Estas son algunhas imaxes que me enviastes por Twitter, sobre a intensa calima de onte:

A calima irá indo a menos nos vindeiros días pero aínda se deixará notar, non tanto coma onte pero será a partir do Luns cando os ventos do oeste-noroeste que chegarán para refrescar todo, empuxen esta masa de aire cálido e tamén de pó sahariano cara o leste. Pero ata alí, temos por diante unha fin de semana plenamente de Verán, como non tivemos ata agora, con máximas moi altas no sur, así como mínimas tamén elevadas, polo que será complicado conciliar o sono no sur e oeste Galego. Como xa dixen, non será ata o Luns cando os efectos dunha vaguada se vaian notando, coa moi probable chegada de brétema costeira ao litoral que por alí xa refrescará moito. Aínda así, o refrescamento e o descenso brusco darase a mediados de semana cando unha masa de aire fresco marítimo traerá temperaturas mesmo frescas para a época do ano e tamén algunhas chuvias, vaia verán de contrastes térmicos, unha montaña rusa!.

 

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s