
Imaxe das masas de aire. Mañá do 10 de Outubro, na que vemos en primeiro plano ao furacán Leslie. Nun principio semellaba que podería achegarse á Península, pero xusto antes de chegar, virará cara o sur e seguirá no Atlántico.
Tras un comezo de Outubro practicamente calcado a como foi o mes de Setembro, con tempo anticiclónico e temperaturas moi altas para a época do ano, con máximas que superaron os 30ºC en moitos puntos, semella que a atmosfera quere normalizarse, con chegada de borrascas e dun tempo máis propio da época na que estamos, con chuvias, vento, e temperaturas máis frescas ca estos días pasados.

Anomalía do xeopotencial a 500 hpa. Sábado 13 de Outubro.
A culpa deste cambio de tempo, teno o desprazamento das altas presións cara o interior do continente Europeo. Na imaxe da esquerda, que mostra as anomalías do xeopotencial a 500 hpa (5500 metros de altitude) previstas para o vindeiro Sábado 13 de Outubro, observamos unha gran anomalía positiva en Escandinavia, o que indica a presenza dunha gran rexión de altas presións nesa zona. Por outra banda, o Atlántico comeza a animarse, coa formación de profundas borrascas que, aínda que non pasarán moi preto de Galicia, sí que se deixarán sentir. No mapa vemos como existirá unha gran anomalía negativa do xepotencial ao noroeste da Península Ibérica, o que indica que por alí rondarán as baixas presións.
-A primeira fronte activa da tempada, a vindeira madrugada
Con esta configuración, Galicia quedará cun réxime de ventos do sur-suroeste a partir de hoxe mesmo. Qué nos trae isto? É sabido por tod@s. Entrada de frontes Atlánticas, comezando xa na vindeira madrugada cando unha fronte fría bastante activa chegará á comunidade deixando chuvias que poden ser fortes no suroeste da provincia de A Coruña e na provincia de Pontevedra, onde non se descarta que estas precipitacións poidan vir, de madrugada, acompañadas dalgunha treboada puntual, aínda que de habelas serían, como xa digo, moi puntuáis. A fronte fría pasará axiña pero deixará acumulados de máis de 15-20 l/m2 en moitos puntos da metade oeste, ao interior chegará tamén pero con menos forza, polo que os acumulados serán menores en Ourense e Lugo. Tralo paso da fronte, quedaremos nunha situación de chaparróns que se darán pola mañá, remitindo ao longo da xornada e cesando as precipitacións.

Modelo GFS. Previsión de chuvias para ás 14:00 do Sábado 13 de Outubro
As precipitacións da vindeira madrugada non serán as últimas do que queda de semana. Aínda que o Venres a dorsal anticiclónica estará máis preto, o vento zoará con forza, as nubes serán a tónica predominante e mesmo no oeste Galego haberá chuvias febles ao longo do día, especialmente en zonas ben orientadas ao vento do suroeste que será onde acumulen as cantidades máis altas (Barbanza, por exemplo).
Pero non será ata o Sábado cando unha fronte bastante activa penetre en Galicia. Dita fronte entrará de xeito máis horizontal ca desta noite, é dicir, tardará máis en pasar polo que os acumulados no oeste da comunidade, nas provincias de Coruña e Pontevedra poden ser xa bastante altos, por riba dos 30 l/m2 en moitas zonas, é dicir, teremos unha xornada pasada por auga con ventos intensos, especialmente antes e durante a fronte, tendendo a diminuir a forza unha vez teña pasado a fronte, á vez que entrará unha masa de aire máis frío que fará descender os termómetros.
Entramos, polo tanto, nunha dinámica de fronte-tempo de transición-fronte. De cara a vindeira semana, aínda que o anticiclón semella que volverá coller pulo en Azores, non será como o que vimos tendo ata agora, semella que se quedará alí e seguirá deixando circular borrascas o suficientemente preto da Península como para que sigan entrando frontes de vez en cando. Aínda que non se ve, de momento, un gran episodio de chuvias intensas, tampouco unha situación de anticiclón, entraremos, como xa digo, en dinámica de entrada de frontes con recuperación posterior.