
Infografía representando a configuración atmosférica que nos agarda para os vindeiros días.
O pasado mes de Outubro tivo de todo, dende entradas de calor con temperaturas moi altas para a época, ata unha nortada de récord a finais de mes, pasando pola chegada dos restos do furacán Leslie á costa Portuguesa. Un mes que pasará á historia por episodios como a nortada dos últimos días, na que se batiron récords de frío en moitas zonas, con nevaradas moi importantes nas montañas, e incluso en zonas non tan altas, porque aínda que en Galicia non nevou en cotas especialmente baixas, na comunidade veciña, en Asturias, a neve deixouse ver, callando, por riba de tan só 200 metros! E iso é algo que dificilmente se volverá a repetir nun mes de Outubro.
Agora comezamos Novembro, e aínda que as temperaturas baixas son historia, a atmosfera semella que non quere estabilizarse, xa que a partir de hoxe Domingo entramos en dinámica de «tempo Atlántico», digamos, o típico tempo Galego do Outono-Inverno de toda a vida, con chuvias. Pero, por qué teremos isto?
O anticiclón, que nos estivo acompañando durante gran parte do mes de Outubro, vaise retirando cara o medio do Atlántico, onde permanecerá debilitado e relegado ao oeste. Mentras tanto, as borrascas gañarán forza e terreo no Atlántico norte e, o espazo libre que deixaron as altas presións ao retirarse cara o sur, será ocupado por borrascas e centros de baixas presións que, dunha maneira ou outra, irán afectando á Península Ibérica e, por suposto, con especial incidencia en Galicia, xa que a nosa comunidade é a primeira que recibe as frontes Atlánticas, xa que estamos completamente expostos aos ventos do suroeste, que son os que nos traen as chuvias máis abundantes.
A primeira fronte de toda esta serie que nos irá afectando, entrará hoxe pola tarde e traerá consigo precipitacións que poden ser fortes no momento do paso da liña, acompañadas ademais dalgún refacho intenso de vento. Tralo paso da fronte, e co movemento da borrasca cara o Cantábrico, o vento virará a noroeste, as temperaturas baixarán e teremos chuvascos, unha situación de transición, antes da chegada dunha fronte moi activa para a xornada do Martes.

Mapa de chuvia acumulada (esquerda) e de vento (dereita) para o vindeiro Martes 6 de Novembro según o modelo WRF
Tralo movemento da pequena borrasca de hoxe cara o leste, no Atlántico norte instalarase unha gran rexión de baixas presións con pequenas borrascas que irán rondando, e algunha incluso se podería achegar a Galicia. A xornada do Martes será complicada tanto pola chuvia coma polo vento. Unha fronte moi activa irá afectando a Galicia ao longo do día con chuvias moderadas, puntualmente fortes e que na metade oeste serán persistentes, con acumulados que, tal e como vedes no mapa anterior, en moitos puntos do prelitoral de Coruña e de Pontevedra poderíanse superar os 60-80 l/m2 ao final do día, polo tanto precipitacións que serán abundantes.
Pero, como xa dixen, o Martes non só estará marcado polas precipitacións, senon tamén polo forte vento do suroeste que soprará especialmente antes e durante a fronte. Os refachos superarán os 100 km/h en zonas altas e tamén no litoral, polo que extremar a precaución será o importante. No resto de Galicia, nas zonas máis baixas poderíanse chegar tamén aos 70-80 km/h, que xa é unha velocidade considerable, aínda que nas zonas áis baixas do interior, nos vales máis pechados, os refachos serán sensiblemente máis febles, aínda que da chuvia non se librará ninguén.
Tamén hai que prestar atención á costa. Debido á presenza dunha gran borrasca no Atlántico, o Mércores o mar de fondo do noroeste será destacable, con ondas que poderían chegar a alturas de 6-7 metros.
-E despois da fronte do Martes e dos chuvascos do Mércores, qué?

Animación de acumulados totais do GFS ata o vindeiro Martes 13 (non definitivo, irá variando)
A partir de aquí aínda hai moita incerteza sobre como se van posicionar os centros de acción (as borrascas e os anticiclóns), e, dende a súa incerta posición, como evolucionarán. Hai algúns modelos, a maioría, que o que mostran é un panorama de chuvias que se dilataría bastante no tempo, xa que as vaguadas e as borrascas fluirían sen ningún obstáculo, sen «estrangularse» nin illarse da circulación xeral, polo que neste caso falaríamos de acumulados que, ao fin deste período, serían moi elevados en toda Galicia pero especialmente no prelitoral de Coruña e sobretodo de Pontevedra.
Pero, pola contra, o outro escenario é o seguinte. As borrascas, na fin de semana, en lugar de chegar «limpas», sen obstáculos á Península, as vaguadas que as acompañan formarían meandros máis pronunciados, polo que o risco de illamento da circulación xeral sería maior. Neste caso as altas presións volverían sobre a Península Ibérica, pero, a día de hoxe, este é o escenario menos chuvioso e á vez o menos probable. As precipitacións están aseguradas, mínimo, ata o Venres. Despois? Veremos, hai que agardar para saber algo fiable!
Polo tanto, en resumidas contas e sen entrar en tanto detalle, temos por diante, comezando por hoxe, un panorama chuvioso. Os ventos do oeste/suroeste e as frontes Atlánticas apoderaranse de Galicia, precipitacións que serán intensas nalgúns casos así como tamén os refachos de vento. Coma sempre, se queres estar informad@ da última hora deste episodio e, en xeral, da última hora do tempo, estou en Twitter e tamén en Facebook!