
Vimos dunha semana que, nun primeiro momento foi seca, pero tal e como adiantaba había risco de que nos chegase algunha que outra fronte. A primeira foi feble e afectounos na noite do Mércores e na madrugada do Xoves, con pobres acumulados de auga, pero a segunda e última xa foi máis activa e na madrugada do Domingo deixou cantidades xa máis altas no oeste da comunidade, ata 44 l/m2 se acumularon en Fontecada (Santa Comba) con refachos de vento intensos, que chegaron a 144 km/h en Penedo do Galo, en Viveiro. Pero agora cambia a dinámica, o anticiclón muda de posición e afectaranos de cheo.
Esta pasada semana o anticiclón encontrábase moi preto pero lixeiramente relegado ao sur, polo que mentras a maior parte da Península Ibérica gozaba de tempo seco e sol, a circulación de suroestes anticiclónicos seguía achegando humidade á costa Galega con máis nubes e chuvias, en moitas ocasións debido ao efecto rías. Nos vindeiros días o centro de altas presións irase desprazando cara Europa, situando o seu centro sobre Alemania/Polonia, máis ou menos. Co anticiclón colocado nesta posición, todo o oeste Europeo verase afectado polo ascenso da dorsal anticiclónica cara latitudes máis altas e ademais, como os ventos serán do sur-surleste en moitos casos, producirase unha advección de aire cálido que elevará os termómetros a valores altos para a época do ano, a partir de metade da semana as máximas poderían chegar a 20ºC nalgunhas zonas de Galicia. Sí, por desgraza, cada vez é máis habitual que os 20ºC cheguen antes de tempo.

O mapa que vedes á vosa esquerda, índicanos as anomalías que se darán nas temperaturas a nivel de superficie o vindeiro Xoves 14 de Febreiro en toda Europa. Sobran as palabras, non? Practicamente todo o continente Europeo, agás, algunhas zonas do mar Mediterráneo, con anomalías positivas de temperatura moi marcadas, superiores aos 10ºC en moitos casos, o que nos da unha idea do elevadas que serán as temperaturas para a época do ano na que estamos en Europa. Aínda que, iso si, polo menos na primeira parte da semana, os valores nocturnos serán fríos, xeará en moitas zonas aínda que polo día se esté moi ben.

Este ascenso que se vai producir, vémolo mellor nunha gráfica como a que vos veño de poñer en liñas superiores. Como vedes, aínda que o Luns non se chegarán, en principio, aos 15ºC de máxim,a na capital Galega e a madrugada do Martes sexa fría, pouco a poco irá chegando esa masa de aire algo máis cálida con ventos do surleste que irá elevando os termómetros ata valores xa, preto dos 20ºC o Xoves, e con noites xa non tan frías. Vamos, un pequeno adianto da Primavera a mediados de Febreiro, case nada!
Tanto na conta de Twitter coma de Facebook que teño dispoñible estaredes informad@s a diario do que o tempo nos vaia presentando e das últimas actualizacións dos modelos e pronósticos, tanto para Galicia como para o resto da Península Ibérica.