ACUSADO DESCENSO TÉRMICO PARA REMATAR MARZO

Ben é certo que este pasado Inverno que vimos de rematar vai uns días, non se comportou como tal, xa que tanto o frío e por suposto a neve brillaron pola súa ausencia. O anticiclón que tivemos bastante pegado á Península Ibérica e as continuas situacións de ventos do sur que nos deixaban auga en Galicia, no resto do país o tempo era solleiro e con ambiente moi morno, con temperaturas altas para a época do ano. As situacións de ventos do norte, este ano, andiveron desaparecidas.

O único gran temporal do Inverno deuse na marxe Mediterránea a comezos da 2ª quincena de Xaneiro. Un potente temporal de levante provocado pola borrasca “Gloria” que deixou moitos problemas por ondas, vento, chuvias nas comunidades levantinas e tamén por neve en zonas máis interiores, onde estiveron moitos puntos incomunidados bastantes días. Resulta curioso, a verdade, que a única situación potente do Inverno se derá no Mediterráneo, cando normalmente, acostuma ser a metade norte a que recibe máis envites Invernais, cousa normal, por outra parte, xa que no Inverno o vento do norte colle protagonismo e as comunidades Cantábricas reciben máis aporte húmido e fresco, pero este ano, non foi así.

A practicamente todo o mundo, lle quedaba claro que isto non ía rematar así. O Inverno non podía rematar sen recibir outra descarga de aire frío. Agora, tras un Febreiro no que brotou todo, e xa está todo en flor, chegan os fríos tardíos. Xa o di o refrán:

As vacas que non comen cos bois, ou comen antes, ou comen despois

Este refrán, moi típico Galego, vennos a dicir isto que estou comentando. Se non chega o frío no seu tempo, é moi probable que chegue a destempo. E así vai ser. Tal e como vemos na imaxe que encabeza este artigo, a descarga fría abarcará practicamente todo o continente Europeo. A formación dun anticiclón rondando as Illas Británicas e a presencia dunha pequena borrasca ao sur da Península Ibérica. Esta disposición dos centros de accións permitirán que se forme unha especie de “autopista de aire frío” ou unha canalización dunha masa de aire frío dende latitudes máis altas que se irá desprazando cara o suroeste do continente, derramándose sobre o Atlántico cara a metade da semana entrante.

É unha masa de aire frío polar continental. Quedádevos co de continental. Aire frío que percorre milleiros de quilómetros sobre a terra e que vai perdendo a pouca humidade que xa tiña. Polo tanto, non podemos agardar moita precipitación. O vento zoará do nordés con intensidade entre moderada e forte e as zonas con máis risco de precipitación serán a Mariña e o extremo leste da comunidade Galega, onde cara o Mércores podería aumentar algo o risco de precipitación debido ao xiro da borrasca, pero de caer algo, non sería gran cousa. Polo tanto, situación máis ben seca, agás nas zonas que veño de comentar.

As temperaturas experimentarán un brusco descenso en situaranse en valores moi baixos para a época do ano durante 2-3 días. No mapa superior, vedes as temperaturas mínimas previstas para o Luns 30 de Marzo. Valores nocturnos moi baixos, valores negativos e xeadas fortes en moitas zonas. En Galicia, é moi probable que se supere a barreira dos -6 ou incluso -7ºC en zonas altas de Ourense e puntos tamén onde calme o vento e a temperatura se desplome. Hai que estar pendentes de como se comporta, por exemplo, toda a zona da Limia, lugar que acostuma a rexistrar valores moi baixos en periodos de xeada.

Por outra parte, as máximas tamén serán baixas, especialmente na metade norte, que será onde chegue maior frío en capas medias da atmosfera. Na Mariña, haberá algún momento entre Luns e Mércores onde a 850 hpa (1500 metros de altitude) teñan valores de ata -6ºC. Iso a nivel do mar tradúcese en máximas de entre 8 e 10ºC. Neste sentido, si que vai haber un gran contraste térmico entre a metade norte e as Rías Baixas. Mentras na Mariña Lucense a 850 hpa terían a ISO -6ºC, nas Rías Baixas tan só rondarían a ISO -2ºC e grazas. Cousas dunha masa de aire frío polar continental e do vento do nordés.

En canto á neve, será tamén, no norte de Lugo, onde a cota sexa máis baixa e, como alí van ter precipitación, é moi probable que entre o Luns e o Martes, se vexa nevar no interior da Mariña Lucense en cotas que rondarían os 400 metros de altitude, a finais de Marzo! Que non está nada mal, houbo que agardar todo Inverno para que a entrada fría de maior entidade se dese nesta época. Canto máis ao suroeste de Galicia nos encontremos, a cota de neve estará máis alta, pero como pracitcamente non haberá precipitación, pois non nevará.

Ollo tamén, coa sensación térmica. O vento zoará con forza do nordés ata o vindeiro Mércores. O vento, unido ao frío que xa de por si fará, incrementarán a sensación de frío, facendo que notemos un valor térmico moito máis baixo do que en realidade fai. Prévese que a partir do Xoves, as temperaturas se vaian recuperando, especialmente cara a fin de semana, cando o vento virará a sur e pasaremos a unha configuración e a unha disposición dos centros de acción totalmente distinta á que imos ter nos primeiros días de semana.

Máis a longo prazo, a verdade é que non está nada claro o que pode acontecer. Estamos xa en plena época de moita variabilidade e caos meteorolóxico, algo típico Primaveral. O aire cálido quere comezar a subir de latitude mentras que se seguen producindo descargas de aire frío dende o norte. Isto provoca que haxa moita variabilidade é que sexa moi complexo atinar.

O mapa superior mostra a tendencia que podería seguir os centros de acción a o nivel de 500 hpa (5500 metros de altitude). As cores laranxas mostran altas presións, xeopotenciais altos (bo tempo), mentras que as cores verdes, pois o contrario, baixas presións, xeopotenciais baixos (mal tempo). Esas dúas imaxes son válidas para a primeira quincena de Abril. Hai que resaltar que estes mapas a tan longo prazo hai que collelos como unha POSIBLE TENDENCIA do que pode acontecer, xa que están en fase experimental e non se poden coller ao pe da letra.

Pero si está claro que xa na 2ª metade desta semana entrante, coincidindo xa co comezo de Abril, os centros de acción vanse situar de tal maneira que nos van enviar ventos do sur e polo tanto as temperaturas van ir subindo. O que non está claro, e aquí é a onde quería chegar, é se este ascenso térmico vai vir acompañado de precipitacións ou non. Todo depende de se as borrascas Atlánticas teñen a suficiente forza como para impulsar o anticiclón máis cara o leste, aportando máis humidade e polo tanto chuvias, ou se a dorsal anticiclónica se imporá, traendo tempo solleiro e calorciño. Estes son dúas posibilidades que están moi no aire de momento, e que se irán vendo co paso dos días. Pero quedádevos con isto, a partir do Xoves, as temperaturas van ir subindo e cara a fin de semana o vento virará a sur, situación inversa á que teremos de Luns a Mércores.

Recordade que estou en Twitter, Facebook, e que veño de abrir unha nova conta en Instagram, onde estaredes informad@s a diario.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s