
Pasado o Inverno, chega a Primavera. Moitas pequenas borrascas que no periodo Invernal non nos afectarían tanto, a partir de Marzo, xa comezan a ter máis consecuencias. Estamos falando do aire frío en altura que se xunta co aire cálido que se sitúa na superficie debido ao sol que xa comeza a quentar. Este contraste térmico entre as capas baixas e as altas, provoca o que se chama «inestabilidade» como tal. O aire cálido, ascende, e vai topando temperaturas cada vez máis baixas. Este fenómeno denomínase «convección», o proceso polo cal o aire cálido comeza a subir a altitudes máis altas. Se a inestabilidade é acusada, fórmanse grandes nubes que descargarán treboadas.
É a partir desta época cando o tempo variable e caótico comeza coller protagonismo. As borrascas máis potentes e profundas van quedando relegadas a latitudes máis septentrionais, xa que o anticiclón das Azores comeza a coller forza e non permite que as grandes borrascas se acheguen ao sur de Europa. Claro está que isto non acontece sempre, xa que houbo veces (e non poucas) de ter grandes borrascas na época Primaveral-estival, pero vamos, non é o habitual.
O que sí é habitual é que, debido á caótica circulación que temos na Primavera, a configuración atmosférica esté moi revolta e de lugar á formación de bolsas de aire frío en altura, DANAS ou BFAs que, debido ao ascenso das altas presións cara a zona de Inglaterra, afecten ao sur/suroeste do continente Europeo. En futuros artigos falarei de como se forma unha DANA (Depresión Illada en Niveis Altos), xa que é un proceso moi interesante, e que da lugar a episodios treboentos de consideración da Península Ibérica.

A bolsa de aire frío en altura da que temos que falar hoxe, encóntrase, agora mesmo, ao sur de Inglaterra. Neste momento, o anticiclón das Azores, está subindo cara esas latitudes. Ao longo do día de hoxe, esa pequena vaguada descolgarase da circulación xeral, é como se soltase unha gota. Fixádevos, senon, na animación que se vos presenta.
Temos un descolgue de aire frío nas Illas Británicas, pero mirade como a parte máis sur desa vaguada, debido á presión que exerce o anticiclón sobre ela, acaba por estrangular unha pequena bolsa de aire frío que vai ir parar ao oeste da Península Ibérica. Todo este proceso, é moi, moi complexo de pronosticar con exactitude. Inflúen moitos factores. O máis complicado é, sen dúbida, saber onde se vai situar exactamente o aire frío en altura. Un pequeno movemento imprevisto a calquer dirección, e as treboadas aparecerán en zonas inesperadas, por exemplo.
Neste tipo de situacións, é moi importante o aspecto do seguemento en tempo real, algo que, persoalmente, encántame. O pronóstico vólvese moi complexo e é necesario facer un seguemento para informar do que vaia acontecendo. E é que as treboadas nesta época, son un auténtico quebradeiro de cabeza para os que nos adicamos a pronosticar, pero á vez é algo moi bonito, aí está a maxia da meteoroloxía.

Co aire frío en altura ao oeste da Península Ibérica, e unha pequena borrasca, España e Portugal quedan no ramal ascendente da BFA (Borrasca Fría Illada) onde predominan os ascensos. Isto, tédelo explicado con máis detalle neste artigo, no que falo das configuracións atmosféricas que nos acostuman traer tempo treboento a Galicia.
A verdade, neste tipo de casos, non me gusta moito poñer mapas de acumulados, xa que ao ser tipo «chaparróns», é practicamente imposible saber onde vai caer o máis gordo da precipitación. O que dicía antes, un pequeno movemento dese pequeno centro de baixas presións que non estaba previsto, e cambia todo, pero semella bastante claro o movemento que vai seguir. O máis curioso deste mapa, e por iso o poño, é a distribución das precipitacións que teremos en toda a Península. Non será un episodio espectacular pero sí que haberá treboadas fortes nalgúns puntos, e choverá onde máis se necesita a día de hoxe, no suroeste, aínda que volvo repetir, a distribución irregular das treboadas fai imposible saber onde vai caer o máis forte, pero o que está claro é que a inestabilidade estará asegurada a nivel xeral, e iso son moi boas noticias para o campo.
Polo tanto, continuaremos coa mesma tónica que tivemos esta semana, seguirá o tempo revolto, típico desta época. Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram.