O FRÍO E A NEVE SEGUIRÁN SENDO NOTICIA

MeteoGráfico no que vos detallo os diversos factores que nos están a traer este tempo tan frío no comezo do 2021.

Dende que comezou o Inverno meteorolóxico, o 1 de Decembro, tivemos de todo, tal e como debe de ser nesta estación. A primeiros do derradeiro mes do ano, unha entrada moi fría do noroeste deixou nevaradas moi copiosas en cotas medias do norte Peninsular, e foi seguida de semanas de chuvias que acumularon moita cantidade de auga nas provincias Atlánticas, resultando o mes mais chuvioso do ano a nivel xeral. Xa a partir do Nadal, o aire frío volveu facer acto de presenza, e a día de hoxe aínda o temos con nós, e aínda vai dar que falar.

Probablemente estemos ante unha vaga de frío en toda regla, pero oficialmente, polas axencias meteorolóxicas, non foi demoninada como tal. Pero ao meu parecer, non pola súa intensidade (de momento), pero sí pola duración das baixas temperaturas, esta é unha vaga de frío de toda a vida. De momento, as zonas máis afectadas polas baixas temperaturas están sendo, como é normal, a metade norte e leste da Península Ibérica, onde se están a rexistrar temperaturas excepcionalmente baixas nalgúns lugares. Sen ir máis lonxe, esta pasada noite de Reis, en Calvos de Randín, no sur de Ourense, acadaron un valor mínimo de nada máis e nada menos que -10,9ºC! e non sería raro que en vindeiras noites ese valor sexa máis baixo nesa zona.

As nevaradas tamén apareceron pero quedaron moi restrinxidas ao extremo norte. Xa na madrugada de aninovo os montes amenceron brancos en boa parte de Galicia pero pouco a pouco os chuvascos foron quedando cada vez máis relegados á metade norte da comunidade Galega debido ao xiro do vento a nordés, o que, como tod@s sabemos, tan só é húmido no extremo norte de Coruña e Lugo (A Mariña especialmente) e tamén, en menor medida, na zona de Bergantiños, por exemplo. Frío si, pero, como vedes, seco na maioría das zonas, seguirá isto así?

Evolución dos espesores de neve previstos polo GFS ata o Luns 11

O certo é que non, pero con moooooita incerteza. O gráfico que encabeza este artigo amosa a configuración atmosférica tan complexa e tan pouco habitual que teremos nos vindeiros días. Mapas así danse cada moito tempo, por isto os modelos numéricos e os pronósticos están variando tanto, é unha congifuración taaaan complexa de pronosticar que os modelos andan moi perdidos e a cada actualización “debuxan” un escenario distinto.

Por un lado temos o aire frío procedente do norte instalado e acumulado xa dende fai moitos días en boa parte da Península Ibérica. Este tipo de masas de aire frío que veñen cun nordés tan marcado adoitan ser moi secas, xa que non teñen tempo para coller humidade, por iso, as precipitacións e os chuvascos neste tipo de situacións adoitan estar moi restrinxidos á Mariña Lucense. Pero por outro lado, é dunha natureza totalmente distinta, hai unha borrasca situada agora mesmo ao suroeste da Península Ibérica que se disporá a ir entrando nas vindeiras xornadas. Que pasa entón? Pois que temos un CHOQUE DE MASAS.

Este tipo de situacións é o ansiado pola maioría dos aficcionados á meteoroloxía xa que non son moi habituais e ademáis sempre traen sorpresas en forma de nevaradas en zonas nas que están moi pouco acostumados a ver as folerpas. Pois isto vai ser o que será noticia no que resta de semana. A borrasca, que AEMET nomeu FILOMENA, irá achegándose cara o Mediterráneo e encauzará un fluxo de ventos de compoñente leste que aportarán humidade ao frío que xa temos ben acumulado no centro e leste de España, provocando así nevaradas intensas, moi copiosas que acumularán espesores moi considerables en moitas zonas, mesmo pode ser un episodio histórico, xa que tal e como vedes na animación anterior, a cantidade de neve caída pode ser moi alta e para facer aínda máis importante este episodio, semella que cairá en boa parte da Península.

Pero, en Galicia que?

Evolución das precipitacións previstas polo modelo ECMWF ata o Luns 11 de Xaneiro

Ao norte da borrasca FILOMENA, que será a que provoque o temporal de neve no centro e leste da Península, descolgarase, dende latitudes moi ao norte, unha pequena bolsa de aire moi frío que, según os modelos, irá parar, a día de hoxe, directamente a Galicia xa dende a madrugada do Sábado día 9.

Quere dicir que debido ao paso desa pelotiña de frío vaiamos ver nevar en toda Galicia sí ou sí? Pois rotundamente NON. Botádelle unha ollada á animación da dereita, a cal amosa a evolución das precipitacións ata o próximo Luns, según o modelo Europeo ECMWF. As cores violetas dinnos onde está previsto que caia neve según o modelo. Mirade como xusto a comunidade queda moi ao marxe de toda esta situación de nevaradas xeralizadas aínda que a pelota de aire frío pase xusto por riba dela, e isto ten un -ou varios- por qués.

Digamos que esa bolsiña de aire frío viaxa dende as Illas Británicas cara o noroeste da Península Ibérica e no seu camiño non lle da tempo a coller a humidade suficiente como para que se desenvolvan nubes que poidan descargar chuvascos en toda a comunidade. Pero, ao meu parecer, o problema estaría no seguinte: a bolsiña de frío chega con tanta compoñente nordés que toda precipitación que caia será no extremo máis norte e dita compoñente, que semella que soprará intensa, sexa a encargada de desfacer as nubes no seu viaxe cara o sur da comunidade. Este sería o principal problema se o que queremos ver é neve en cotas baixas de Galicia.

PERO OLLO, moito coidado. Estamos a algo máis de 70 horas da chegada deste aire frío. Este tipo de configuracións atmosféricas son de EXTREMA COMPLEXIDADE PREDICTIVA, e requiren unha gran vixilancia en tempo real. Estas bolsiñas, ao ser tan pequenas, son moi erráticas e os modelos poden subestimar tanto o frío como a humidade que conteñen, non sería a primeira vez que neva en Galicia ao nivel do mar ou de 100 metros para diante cando estaban previstas nevaradas a 500 metros e tan só no extremo norte. Un prazo de máis de 70 horas cando temos un pronóstico deste estilo é unha auténtica locura, ata horas antes non se vai saber con certeza o que vai acontecer, mesmo nin horas antes, será algo de seguir en tempo real!

Polo tanto, temos por diante xornadas de frío en Galicia e de nevaradas que serán noticia no centro e leste da Península Ibérica, onde os espesores nalgunhas zonas moi pobladas poden ser históricos de cumprirse o que modelizan algúns mapas. En Galicia, teremos que agardar a ver que acontece con ese aire frío do Sábado, o certo é que a día de hoxe as nevaradas estarían moi restrinxidas ao extremo norte pero, volvo recalcar, é unha situación que ten moito potencial é que non sería raro que dera lugar a sorpresas.

Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram. Por medio destes tres medios, poderemos compartir comentarios, así como tamén videos e fotos, que seguro que o episodio vai dar de si.

Unha aperta e moitas grazas por lerme. Non dubides en compartir este artigo nas túas redes

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s