A SEMANA COMEZARÁ CON CHUVIAS

Imaxe do satélite visible das 14:30 h deste Domingo.

Xa se lle escoita a moita xente dicir que este Inverno está a ser coma os de antes, moi variado, con frío, chuvias, xeadas, sol, nevaradas, temporais de vento e de mar, vamos moi entretido meteoroloxicamente falando. E sí, o certo é que dende aquel primeiro episodio de nevaradas que tivemos o 4-5 de Decembro, a meteoroloxía está a ser moi variada, mesmo tivemos unha vaga de frío prolongada no tempo dende días antes de fin de ano ata ben entrado Xaneiro. Pero a dinámica das últimas semanas está a ser de tempo totalmente Atlántico: situacións de ventos do suroeste, chegada de frontes e chuvias.

Pero, imos seguir con este tempo tan húmido e tan chuvioso? A resposta é clara: SÍ. Mentras escribo este artigo, na rúa xa está a chover con persistencia pero cando o publique, sobre as 19:00, as precipitacións xa estarán espalladas por toda Galicia. AEMET ten activado un aviso de nivel AMARELO no suroeste/oeste de Coruña (ata as 3 da mañá do Luns) e no interior de Pontevedra (ata as 14:00 de mañá Luns) por chuvias que acumularán cantidades superiores aos 40 l/m2 en moitas zonas. Polo tanto, choverá ben, aínda que non será nada especial. Neste primeiro episodio, non serán noticia nin as chuvias nin o vento.

Simulación satelital do modelo ECMWF para a madrugada do Martes 9 de Febreiro

Pero semella que a borrasca que se achegará ao noroeste Peninsular o vindeiro Martes, farase notar bastante máis ca esta primeira. Terá moito aire frío en altura e promete deixar unha madrugada do Martes pasada por auga en toda Galicia, con acumulados de chuvia que, desta vez si, poden ser bastante altos e xeralizados, non só no oeste de Galicia.

E é que cando chega unha borrasca deste tipo, con moito aire frío en altura e coa súa traxectoria moi preto de Galicia, as chuvias fortes non só quedan restrinxidas a Coruña e Pontevedra, senon que tamén se adentran cara o interior, polo que a regada será bastante interesante nas catro provincias.

Tamén é necesario comentar que, cando temos moito aire frío en altura, como vai ser o caso, as nubes medran moito e forman grandes cumulonimbos (nubes de moito desenvolvemento vertical) que descargan fortes chaparróns, polo que as treboadas e as saraibadas farán acto de presenza ao longo de dita xornada. E ollo, tamén a neve cairá en cotas superiores aos 1200 metros de altura, polo que as montañas máis altas de Lugo e Ourense, volveranse vestir dun manto branco.

No referente ao vento, semella que zoará con forza na madrugada do Martes e, tras unha breve pausa na mañá, pola tarde volvería entrar polas Rías Baixas outra zona de refachos fortes. Pero ollo, isto son detalles que aínda están por ver, xa que se trata de temas mesoescalares e un pequeno cambio na traxectoria da borrasca pode cambiar por completo o pronóstico.

E a partir do Mércores, que?

O certo é que as chuvias van seguir con nós ata o Xoves, cando unha nova fronte, pero distinta á do Martes, volvería deixar chuvias persistentes e cantidades altas de auga nas provincias Atlánticas, con ascenso térmico. A partir de aí, os centros de acción comezarían a moverse e poderíamos ter o seguinte, a próxima fin de semana.

Configuración prevista para o Domingo 14 de Febreiro según o modelo ECMWF. Actualización das 00:00 do 7/2/2021

Resumindo moito e falando moi por riba, na 2ª metade da semana poderíamos ter algún día sen chuvia pero a configuración que comezan a plantexar os diversos modelos numéricos a plazos longos é digna de mencionar. Por unha parte, temos o Atlántico a pleno rendemento con continua formación de borrascas en Terranova. Estas borrascas non se achegarían moito a Europa (de momento, polo menos), xa que a dorsal anticiclónica subiría cara latitudes altas xusto por riba de España e de todo o occidente Europeo, por iso digo que podemos ter varios días sen chuvias. Por outro lado, xa na Europa continental, semella que o frío vai ser o protagonista e algúns modelos insinúan que ese frío podería ir movéndose cara o oeste de Europa, á vez que a dorsal anticiclónica sobre nós se debilita pero quedando unha rexión de altas presións en latitudes altas, o que en meteoroloxía se coñece como unha “situación de rombo”.

Mentras, o Atlántico e as borrascas seguen traballando, para ver quen gaña esta loita entre tres grandes colosos da meteroloxía: as altas presións, as borrascas Atlánticas, ou o frío continental. Non sería a primeira vez que as baixas presións e o frío se xuntan na Península provocando nevaradas intensas (Filomena, sen ir máis lonxe), pero isto último xa é falar por falar e tan só é un posible escenario de moitos que se poden dar a ese prazos, polo tanto hai que seguir día a día o que os modelos nos vaian amosando, xa que sen dúbida é unha configuración moi interesante e que pode dar moito xogo.

Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram. Por medio destes tres medios, poderemos compartir comentarios, así como tamén videos e fotos, que seguro que o episodio vai dar de si.

Unha aperta e moitas grazas por lerme. Non dubides en compartir este artigo nas túas redes

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s