Localización xeográfica

Mapa xeral

Campo Lameiro é un concello Pontevedrés situado no límite entre prelitoral e interior. O pobo está a uns 19 km da cidade de Pontevedra, máis ou menos. A zona caracterízase por ter relieves bastante marcados, xa que o pobo está situado a 250 metros de altitude, pero a tan só 2-3 km xa nos topamos cunha serra de cota máxima de 539 metros, a chamada Serra do Sistalto. A altitude do concello vai dende os escasos 80 metros sobre o nivel do mar do pobo de Gargallóns, ata os 804 metros de altitude da serra do Leixoso, ao NE, limitando Campo Lameiro cos concellos de Cuntis e da Estrada.

O concello consta de 6 parroquias:

  • Parroquia de O Campo (San Miguel): Campo Lameiro, Alende, Praderrei, Morañó e Chacente.
  • Parroquia de Couso (San Cristovo): Couso, Rozas, Castriño, Liñares, Fafide, Padín, Cimadevila e Castro de Orto (o pobo máis alto do concello, 450 metros).
  • Parroquia de Moimenta (Santa María): Moimenta, Lamosa, Painceiros, Armonda, A Brea e Paredes.
  • Parroquia de Fragas (Santa Mariña): Fragas, Laxe, Reboredo, As Cruces, Cerdeiras, Fontenla, Mullerboa, Redonde e Gargallóns.
  • Parroquia de Montes (San Isidro): Parada, Fornelos e San Isidro.
  • Parroquia de Morillas (Santiago): Morillas e Caneda.

Os montes

Entramos xa no meu apartado favorito, a natureza e todo o entorno fermoso que ten Campo Lameiro. A pesar de ser un concello relativamente pequeno, Campo Lameiro goza de paraxes idílicas que transmiten calma e paz. O concello ten 3 serras «importantes».

Por un lado, a que máis preto está da Lagoa, o centro de Campo Lameiro, onde teño eu colocada o observatorio meterolóxico, é a serra do Sistalto, unha serra que ten unha altitude máxima de 539 metros no chamado Outeiro Redondo. Esta serra separa Campo Lameiro de Moraña e caracterízase por ter unha zona relativamente chá no alto, con moi boas vistas, especialmente cara o sur, norte e leste. Por estas zonas tamén temos varios bens arqueolóxicos, por exemplo, o castro de San Antonio de Penalba, situado a 420 metros de altitude. Un castro que data da idade de bronce, do século IX a.C

Por outro lado, xa ao NE do concello, topámonos coas serras de maior altitude, a serra do Leixoso (804 metros de altitude máxima), e a serra da Conla (769 metros de altitude máxima). Nestas dúas serras a vexetación xa é moi distinta á serra do Sistalto. Mentras que nesta última aínda temos bosques de árbores, na Conla e no Leixoso ás arbores de gran tamaño escasean e en ambas serras topámonos con moito toxo e vexetación de pequeno tamaño, evidenciando unha meteoroloxía que nesas zonas ten que ser bastante dura a veces, especialmente polo vento e pola chuvia.

E entre todos estes montes, encóntrase Campo Lameiro. Grazas a esta peculiar orografía, e a que o pobo está situado no prelitoral da provincia de Pontevedra, moi exposto ao vento do suroeste, favorece que as precipitacións sexan moi cuantiosas nesta zona. O ano pasado, no 2018, por exemplo, medín case 2800 mm, concretamente 2793,5, algo tremendo tendo en conta que non foi un ano especialmente chuvioso e que a cidade de Pontevedra, a escasos 20 km desta zona, ten unha media que ronda os 1613 mm. Esta orografía, xunto co fenómeno do EFECTO RÍAS, provoca unha especie de «efecto embudo» que fai que as nubes queden retidas e descarguen moita auga sobre unha determinada zona, isto pasa especialmente nas frontes cálidas e nos suroestes anticiclónicos, cando a orografía xoga un papel fundamental no reparto de chuvia.

Antes de comezar a tomar datos, a min xa me daba a impresión de que esta zona era moi chuviosa, xa que é un enclave perfecto para que o suroeste reteña as nubes e descargue chuvias, e dende que dispoño de instrumentación para medir todo isto, vexo que estaba no certo, as cantidades de precipitación que recollo aquí son moi elevadas e hai grandes diferenzas con outras estacións meteorolóxicas do entorno.