A PLUVIOMETRÍA NO INVERNO 2020-2021 NAS PRINCIPAIS VILAS GALEGAS


A verdade é que este Inverno xa está a ser catalogado por moita xente como «dos de antes». Aos meus 25 anos, non vivín un Inverno aínda como dos que falan os maiores, pero a verdade é que este non está a ser para nada aburrido, ao contrario, está sendo como ten que ser, movido.


O Inverno meteorolóxico comezou o 1 de Decembro e durará ata o 28 de Febreiro, incluído. Levamos un 90% del e nestas semanas tivemos de todo, frío, neve, temporais de vento, de chuvia, de mar, xeadas, pero sen dúbida o máis noticiable dos últimos días, é a gran cantidade de auga que está caendo, ímolo ver en datos. Os gráficos do comezo do artigo, dispoñibles na páxina de AEMET , amosan a evolución da chuvia acumulada no Inverno presente (liña vermella) xunto coa media do acumulado en ditas semanas entre os anos 1981-2010, gráficos de Coruña, Lugo aeroporto, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e aeroporto de Vigo.


Coruña leva acumulados desde o día 1 de Decembro sobre 430 mm de chuvia, cando o normal sería ter 310 mm acumulados nesta época. Lugo, leva 400 mm cando o normal sería ter agora mesmo sobre 250 mm. Ourense leva máis ou menos 350 mm cando o normal serían 260 mm. Pero a diferenza en canto ao acumulado actualmente e o que sería normal, é máis grande nas vilas do oeste Galego. Santiago de Compostela leva case case 700 mm (o normal, sobre 530 mm), pero a diferenza é moito máis grande en Pontevedra, onde actualmente acumulanse 850 mm cando o normal sería ter sobre 410 mm. Algo moi semellante tamén no aeroporto de Vigo, onde ata o momento acumulan (dende o 1 de Decembro, repito) 870 mm cando o normal ata esa semana serían sobre 550 mm.


Como vedes, de momento o Inverno poderíase catalogar como moi húmido no oeste Galego mentras que canto máis ao interior, a diferenza entre o normal e o actual acumulado non é tan grande, pero aínda así, tamén está a ser unha estación húmida.

Anomalía do xeopotencial a 500 hpa (5500 metros). Decembro 2020-Xaneiro 2021.

Pero, por qué estamos a ter un Inverno tan chuvioso e tan movido? Para iso, temos que ir a ver as análises do xeopotencial a 500 hpa, que nos ven dicir onde se atoparon as zonas de altas ou baixas presións. Para que entedades ben o mapa da esquerda, as cores azúis indican xeopotenciais baixos ou baixas presións (borrascas), mentras que as cores máis cálidas, o contrario, zonas de xeopotencial alto e de altas presións (anticiclón).

O mapa en cuestión amosa as anomalías do xeopotencial a 500 hpa (5500 metros) dos meses de Decembro do 2020 e de Xaneiro do 2021. Vemos clarísimamente como o anticiclón das Azores estivo totalmente desaparecido e as borrascas foron protagonistas, como ben vemos nesa zona de anomalía tan baixa nas Illas Británicas. En xeral, os ventos Atlánticos foron os que dominaron o panorama, de aí as cantidades tan altas de precipitación en moitas zonas, pero entre finais de Decembro e ata mediados de Xaneiro, o frío e o vento do norte-nordés roubáronlle o protagonismo a eses ventos húmidos.

Nun par de semanas, cando o Inverno meteorolóxico remate, poderemos facer xa un balance moito máis claro de como foi, pero o que está claro é que se comportou como tal. Xa se sabe:

O mal tempo no seu tempo, é bo tempo

Deja un comentario