
Ben certo é que as derradeiras semanas se por algo estiveron caracterizadas foi pola ausencia total de tempo propio desta época do ano. Vimos de rematar un Novembro que seguramente, nos informes mensuais que remitirán as axencias oficiais dentro duns días, apareza como cálido, xa que as temperaturas foron moi elevadas, con rexistros de ata 24ºC o pasado Luns, por exemplo, na cidade de Pontevedra, algo que é totalmente anormal estando a piques de rematar o ano.
Ademais, e que aparte de ter temperaturas elevadas durante moitos días, tampouco tivemos unha entrada fría como corresponde, pero esta está a piques de chegar. No Atlántico estanse configurando as pezas necesarias para que a partir desta mesma noite o aire frío procedente de Groelandia se deixe notar en toda a Península Ibérica.
O procedemento é practicamente o mesmo neste tipo de configuracións. O anticiclón das Azores, no seu sitio, pero lixeiramente retirado cara o oeste, permite o paso dunha gran rexión de baixas presións cara o occidente de Europa. Cando a borrasca se sitúa nas Illas Británicas, é aquí onde entre o centro de altas presións instalado nas Azores e a borrasca Europea, crease unha especie de autopista de ventos do noroeste que arrastran consigo aire moi frío procedente de latitudes altas.

Este tipo de entradas frías caracterízanse por ter un gran percorrido marítimo. É dicir, a masa de aire frío en cuestión, ten que atravesar unha gran extensión de oceano, neste caso dende Groelandia. Adoitan traer frío si, pero non tanto como podería traer, por exemplo, unha entrada de aire frío continental, xa que neste tipo de episodio que imos ter, a masa de aire frío, ao atravesar unha gran extensión de oceano, máis quente ca ela, pois remata por elevar algo a temperatura de dita masa de aire, cousa que non acontece nas entradas Siberianas, por exemplo, cando o aire frío percorre miles de quilómetros terra adentro, pero chegando a Galicia con moi pouca humidade, polo que non temos nevaradas que poidan ser noticia
Pero neste tipo de configuración que se nos ven enriba, o aire frío chega cargadiño de humidade. Polo tanto, chegará o branco elemento a moitas zonas da Galicia interior durante o Venres, meteoro que imos detallar agora con máis profundidade. Pero, ademais da neve, o aire frío en altura tamén favorecerá que os chuvascos sexan moi intensos e, alí onde descarguen os chaparróns, poidan facelo con moita intensidade, acompañados de saraiba e por suposto tamén dalgunha treboada.

Debido a que a masa de aire frío vai chegar cargada de humidade, non van faltar chuvascos, precipitacións intermitentes, pero intensas. Polo tanto, a combinación precipitación+frío dará lugar a que a neve, o branco elemento, apareza en cotas medias e altas de todo o territorio Galego. A cota de neve, a nivel xeral, rondará os 600-700 metros de altura. Moita parte de Galicia está nesa ou por riba desa altitude, polo que non serán poucas as zonas que se vistan de branco mañá Venres.
Ademais, as precipitacións serán fortes por veces. Isto pode favorecer que aparezan os chamados «desplomes». Que é isto? Pois ben, trátase do arrastre de aire frío procedente das capas altas da atmosfera ata a superficie por medio dun chaparrón moi intenso. O chuvasco, que descarga precipitación con moita intensidade, aparte de chuvia, tamén pode levar con el aire moi frío dende a parte máis alta da nube. Cando pasa isto, son moitas as veces nas que a neve aparece en cotas moi por debaixo do agardado. Neste caso, cando estamos falando de que, a nivel xeral, a neve caerá por riba dos 600-700 metros, as folerpas poderían deixarse ver a escasos 400-500 metros de altura no paso dalgún chaparrón forte mañá Venres. Xa sabedes que todo o material gráfico que compartades no grupo de Redmeteo ou por mensaxe é benvido para reportar onde está a caer a neve!

Aparte do frío e a neve, que, por suposto, será do que máis se fale, hai que prestar atención tamén ao estado do mar. A gran rexión depresionaria que se situará no oeste de Europa tamén provocará un empeoramento moi importante do estado da mar.
Estamos falando de ondas que, mañá Venres, terán alturas de ata 7 ou incluso 8 metros de altura. De feito, xa temos varios avisos activados por este fenómeno por parte de MeteoGalicia. E non só as ondas, o vento do noroeste tamén contribuirá a que o estado marítimo sexa moi malo, xa que zoará con refachos fortes durante todo o día, xa dende esta mesma tarde.
Polo tanto, decímoslle adeus ás temperaturas anómalas para a época do ano, e dámoslle a benvida ao crudo Inverno que chega a partir desta mesma noite. Importante comentar tamén que a precipitación non será problema para que se den nevaradas, a que os chuvascos entrarán durante toda a xornada do Venres, polo tanto, por riba dos 700-800 metros, alí onde haxa cota de continuo, o espesor pode ser bastante importante, tal e como vedes no mapa de espesor previsto ata o Sábado. Nas alta montaña de Galicia, poderían caer entre o Venres e o Sábado máis de 60 cm, o Inverno chega de golpe.
E despois da fin de semana, que? O certo é que os modelos seguen insistindo en circulación de vento do oeste-noroeste, polo que a inestabilidade seguiría sendo protagonista na 2ª semana de Decembro, coa chegada dalgunha borrasca e polo tanto de precipitacións que seguirían regando Galicia. Iso si, o frío seguiría, polo menos a comezos de semana, pero semella que pouco a pouco se irá retirando para dar paso a temperaturas algo máis temperadas. De tódolos xeitos, isto é algo que iremos puntualizando, xa que aínda queda moitos días, pero a inestabilidade semella asegurada bastantes días máis.
Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram. Por medio destes tres medios, poderemos compartir comentarios, así como tamén videos e fotos, que seguro que o episodio vai dar de si.
Unha aperta e moitas grazas por lerme. Non dubides en compartir este artigo nas túas redes 🙂
Eu baixaria a cota a 400. Incluso creo que en Lugo Neva e calla, e algún desplome a 300, hay moita inestabilidade e os chubascos serán intensos, eso conta moito. Un saludo.
Me gustaMe gusta
Totalmente dacordo, a 400 xa estará moi no límite.
Me gustaMe gusta