Estudo sobre as situacións típicas de treboadas en Galicia. 1ª parte.

Captura

É nesta época cando as masas de aire cálido comezan a subir de latitude, afectando de cheo á Península Ibérica elevando as temperaturas máximas por riba dos 25-30ºC. É esta calor, entre outros moitos factores, o responsable de que, tras unha mañá, poñamos de Xuño, despexada, a partir da hora de comer o ceo comece a estar decorado por pequenas nubes das que nun principio non habería nada que temer, pero que se temos as condicións idoneas, esas pequenas nubeciñas comezan a medrar e a medrar convertíndose en pouco tempo nunha xigantesca nube de treboada que a non moito tardar comezará a descargar un chaparrón intenso acompañado de lóstregos e saraiba, mesmo pedrazo en moitos casos.

nubesdeestancamento

Pero, por qué comezan a aparecer nubes tras unha mañá totalmente despexada e con moita calor? Ben, por unha razón moi sinxela. Tras unha mañá e primeras horas da tarde con temperaturas elevadas, a superficie quéntase, e o aire cálido, ao ser menos denso que o aire frío, tende a ascender. Poñámonos no caso dunha pequena parcela de aire cálido que comeza a ascender. A medida que ascende, dita parcela vaise enfriando e chega un punto no que se condensa (nivel de condensación), formando a nube. Se non hai suficiente aire frío en altura, a nube quedarase nun simple cúmulo de bo tempo, con base plana e sen suficiente desenvolvemento vertical como para provocar chuvascos, xa que a  temperatura que rodeará á parcela que pretende subir, será máis cálida que a da propia parcela, evitando máis condensación. Mentras que, por contra, se hai suficiente aire frío en altura, a corrente ascendente (a parcela) seguirá o seu ascenso mentras siga topándose con aire máis frío, xa que o aire cálido da corrente ascendente é menos denso que o aire frío que o rodea. É neste caso cando teremos a famosa nube denominada «cumulonimbus» que ven a visitarnos en moitas tardes da época estival tras unha primeira metade do día totalmente en calma.

Se vos fixástedes, estas nubes case sempre aparecen cara zonas de serra, cara zonas altas e de montaña. Isto débese a que durante o día o vento, normalmente, tende a ir cara a montaña. Isto provoca un chamado «forzamento orográfico» (o aire vese obrigado a ascender ladeira arriba) que tende a formar cúmulos. E volvemos a o de antes, se non existe suficiente aire frío en altura, estas nubes quédanse en elementos decorativos, pero se temos certo gradiente térmico vertical, podemos agardar treboadas, comezando por esas zonas altas.

Vexamos agora cales son as configuracións máis proclives ao desenvolvemento de treboadas en Galicia na Primavera e no Verán.

-DANA (Depresión Aislada en Niveis Altos)

Na época estival, entre tanto centro de altas presións, non é raro que nos visite algunha DANA. O mesmo nome o indica, é unha depresión illada en niveis altos da atmosfera, xa que non ten reflexo en superficie, ao contrario dunha BFA (Borrasca Fría Aislada). Pero, illada de que? Pois da circulación xeral de oeste a leste. Este tipo de depresións, de situarse ao suroeste ou oeste da Península, poden traer treboadas moi severas a moitas zonas da Península Ibérica, xa que dende esa posición, España quedaría no lado ascendente da DANA, que é a zona máis inestable (recordade que as depresións xiran no sentido contrario das agullas do reloxo), xa que, debido a cuestións físicas que de momento non entrarei a detallar, os movementos ascendentes estarían asegurados, é dicir: CONVECCIÓN.  Ademáis, de situarse unha DANA ao suroeste da Península Ibérica no Verán, o que traería ademáis sería unha advección de aire moi cálido dende o continente Africano, polo tanto, un ingrediente máis para a formación de treboadas, a calor.

Pero, mellor, expliquémolo cun caso real, dunha xornada que a min, como meteoaficcionado que son, me marcou. Vaiámonos ao 29 de Agosto do ano 2008:

archives-2008-8-29-0-0

Nesa xornada tiñamos unha DANA ao suroeste da Península, totalmente illada da circulación xeral (aínda que máis tarde, na mañá desa xornada, reintegraríase) . Dende esa posición impulsaba aire cálido dende o continente Africano, elevando as temperaturas por riba dos 25-30ºC en moitas zonas da comunidade.

Pero, así como nos trouxo calor, tamén moita inestabilidade. Esa DANA foise achegando a Galicia, quedando esta no seu lado ascendente, no leste da depresións, que é a zona que favorece os movementos ascendentes. Pois, de novo, tras unha mañá totalmente tranquila, pola tarde a provincia de Ourense comezou a fabricar nubes de treboada que se foron trasladando cara o oeste Galego, tal e como veredes na seguinte imaxe:

18
Imaxe de satélite visible da tarde do 29 de Agosto do ano 2008

A compoñente a niveis medios da troposfera (que é a que rixe o movemento das treboadas, normalmente), era de SE a NW, é dicir, do interior cara o Atlántico. Esa treboada que vedes na imaxe foise trasladando cara as provincias Atlánticas e dende última hora da tarde deixou un espectáculo tremendo de lóstregos e , o que foi máis tremendo aínda, pedrazo de gran tamaño en moitas zonas do oeste, como é o caso da comarca Pontevedresa , por exemplo, tal e como ilustra a seguinte noticia.

Selección_626

Pedrazo que, por suposto, provocou multitude de estragos. Nesta zona non é moi habitual que se rexistre pedrazo de tal tamaño, isto é propio das zonas máis interiores de Galicia, que é onde se dan as treboadas máis intensas, pero penso que esa xornada, ao ser o desprazamento de surleste a noroeste, fixo que as treboadas se topasen con brisa mariña, provocando novas converxencias de ventos, de temperatura, intensificando e reactivando aínda máis as treboadas, treboadas que continuaron durante gran parte da noite desa xornada. Isto da reactivación das treboadas ao toparse con brisas mariñas non ten porque ser sempre así, de feito, e pasa non poucas veces, un chuvasco treboento que chega dende o interior e se topa con aire máis fresco marítimo e mesmo con brétema, disólvese axiña. Que cheguen vivas ao litoral ou non dependen de moitos factores: da temperatura, da humidade, do vento, do fortes que sexan os fenómenos convectivos (entre outros)

A zona que máis se ve afectada canto temos unha DANA depende moito de onde se sitúe esta, entre outros factores. Cando temos algo así as treboadas poden afectar a calquer punto de Galicia pero sendo especialmente intensas e máis probables no interior da comunidade, como é normal.

-Achegamento dunha vaguada

de_sat-de-310-1_2016_08_24_17_00_5669_125

Antes de nada, unha vaguada defínese como unha área alargada de baixas presións relativas en superficie ou en niveis altos. Non ten porque ter asociada unha circulación cerrada (borrasca), e o seu contrario sería unha dorsal (anticiclón, bo tempo). Nunha vaguada, como xa comentamos antes nas depresións, o seu lado oriental, o ramal ascendente está asociado a correntes ascendentes, mentras que o ramal oeste está asociado a correntes descendentes. Se se achega unha vaguada polo Atlántico prodúcese un aumento da vorticidade e ao seu tempo impulsa aire cálido, temos así dúas adveccións, de vorticidade e de temperatura.

Nestes casos, normalmente, as treboadas soen quedar xa máis restrinxidas cara o interior da comunidade xa que o vento en capas medias acostuma ser de suroeste (depende da orientación do eixe da vaguada) e isto levaas cara o interior, aínda que moitas poden rematar na costa Cantábrica, na Mariña, por exemplo, tras atravesar a provincia de Lugo. Pero xa digo, aínda que normalmente cando se achega unha vaguada o vento en capas medias soe ser do suroeste, o cal restrinxe as treboadas ao interior, de ser unha vaguada profunda, ben pronunciada, o fluxo en capas medias pode ser xa do sur e mesmo surleste, o que xeneralizaría os fenómenos convectivos por máis zonas da comunidade, xa que trasladaría os chaparróns dende o interior cara o litoral Atlántico. Como vedes, de que teñamos treboadas nunhas zonas ou non depende moito do vento en capas medias, aínda que non sempre é así, xa que nalgúns casos as treboadas poden ir á súa bola e ter un movemento propio, pero isto xa é menos habitual, xa que é moi probable que sexan severas.

Outro tipo de situacións é cando temos unha situación de altas presións pero non moi marcadas, con algo de aire frío en altura. Se temos moita calor en superficie poderíase xerar algunha treboada no interior de Galicia por algunha converxencia de vento e ser unha treboada de lento movemento e moi intensa. Debido ao lento movemento que teñen as treboadas nestes casos, de permanecer nunha zona concreta durante un tempo prolongado, poden causar problemas debido á gran cantidade de auga caída.

Este artigo estará seguido por máis partes nas que tamén falaremos das treboadas «de inverno», así como tamén veremos e estudiaremos algúns das situacións treboentas máis famosas que se deron na comunidade Galega en tempos recentes. Recordade que estou en Twitter, Facebook, e que veño de abrir unha nova conta en Instagram, onde estaredes informad@s a diario.

Un comentario en “Estudo sobre as situacións típicas de treboadas en Galicia. 1ª parte.

  1. Pingback: SEMANA INESTABLE POR DIANTE | REDMETEO

Deja un comentario