
Son moitas as borrascas que nos poden chegar a afectar ao longo dun ano, dende grandes centros de baixas presións, cos seus fortes temporais de vento, chuvia e ondada, ata pequeniñas borrascas que, aínda que os seus efectos non sexan tan esaxerados como o dun temporal, tamén poden inestabilizar bastante a cousa, especialmente nos meses de primavera e verán, xa que ao propio aire frío da borrasca, lle hai que añadir tamén unha superficie terrestre máis quente, o que provoca unha diferencia de temperatura moi alta entre as capas baixas e as altas da atmosfera, e isto, incrementa moito a inestabilidade.
Pero claro, non todas as borrascas nos afectan da mesma maneira, incluso nin cando o seu centro está moi preto de nós. O vento dominante xoga un papel absolutamente fundamental, tanto na distribución das chuvias como tamén, por suposto, na temperatura, xunto con outros factores a ter en conta, como a masa de aire ou, por exemplo, a orografía local dun lugar, isto último tamén é moi importante. Neste artigo, voume centrar exclusivamente en dúas posicións das borrascas ao circular preto do noroeste peninsular, para que vexades a influencia que poden ter os ventos. Vexamos.

No primeiro caso, o máis habitual, temos un centro de baixas presións circulando de oeste a leste, dende o atlántico ata o mar cantábrico, pasando ao norte de Galicia, sen chegar a baixar máis de latitude. Esta situación é a máis clásica xa que, normalmente, a dorsal, o anticiclón do norte de áfrica non deixa que as borrascas circulen máis abaixo (agás se o anticiclón se atopa desaparecido ou moi débil). O paso dunha borrasca por ese traxecto implica unha configuración típica de ventos do suroeste, o que conleva un aporte moi húmido e máis temperado dende o mar, con chuvias, en xeral, máis frecuentes e continuas.
Hai que resaltar que, aínda que a borrasca non pase tan preto (de feito, non é o máis habitual), a maioría das que nos afectan ao longo do ano están moito máis lonxe, pero tamén configuran unha situación de ventos do suroeste, cos efectos anteriormente mencionados.

E este é o segundo caso, aquí xa cambia a cousa. Nesta situación, os ventos son do sur ou surleste, unha compoñente que xa non é tan húmida e, especialmente con surleste, a humidade adoita ser escasa, xa que esta dirección ven directamente de terra, do interior da península, ademais de chegar tamén, normalmente, máis quente. Como dicía, a influencia dos ventos é crucial, así como no outro caso, o suroeste aportaría moita humidade, con chuvias persistentes, neste, o surleste, máis seco, xa nos traería bandas e liñas de chuvia, intermitentes, sen ser persistentes. As chuvias máis continuas quedaríanse ao sur da borrasca, de novo, neste caso indo cara o sur de Portugal ou Andalucía, xa que o aporte húmido é moito maior.
Neste tipo de configuración, tamén hai que diferenciar dous casos, o que se de no inverno e o que se de en primavera-verán. No inverno, a terra está fría e non habería tanta enerxía para formar chuvascos, pero no segundo caso, a calor xa tería a superficie máis quente e polo tanto os chuvascos serían máis frecuentes, especialmente, como xa saberedes, polas tardes.
Como vedes, a influencia dos ventos é crucial. Unha borrasca pode estar moi preto que, se o vento non é favorable, inestabilidade teremos, pero pode que non sexa tan acusada como se a compoñente si fose máis húmida. O suroeste é moi húmido, xa que chega directamente dende o mar (sempre coa excepción da mariña Lucense). O surleste, é moito máis seco e quente, xa que é unha compoñente que chega dende o interior da península, con baixa humidade.
Mirade se non é importante a posición dunha borrasca! Noutro artigo falarei de como se comporta cada compoñente de vento en Galicia, é algo super importante 🙂
Se este artigo che resulta interesante e de valor, podes compartilo no teu perfil, axudaríasme moito! Lembra que podes seguirme nas redes sociáis, en twitter, en facebook e tamén en instagram, estarás informad@ do tempo a diario e estarás ao tanto de tódalas novidades que vaian aparecendo.
Graciñas por lerme!