
Vimos de rematar un Inverno que non se comportou como tal. Para que vos fagades unha idea do extraño que foi, a invasión de aire frío máis potente que tivemos dende o Verán pasado deuse a finais de Outubro!, foi aquí cando cairon moitos récords de temperaturas baixas para un mes de Outubro, xa que ese episodio foi moito para a época, con nevaradas en cotas baixas no Cantábrico. A partir de aí, aínda que choveu, especialmente en Novembro, foi un Inverno cálido e seco, con poucas borrascas activas, pero, iso sí, xeadas en moitas zonas. En definitiva, un Inverno totalmente oposto ao de 2018, cando choveu arreo, e tivemos episodios de frío e neve cando tocaba.
Marzo foi unha continuación dun Inverno anodino. Aínda que o mes comezou con chuvias, axiña se tornou anticiclónico e na 2ª quincena apenas se rexistraron precipitacións, tan só a visita dalgunha fronte moi desfeita matizou algo a situación. Ademais, foi un anticiclón que estivo practicamente no mesmo sitio sempre, ao norte, no Cantábrico. E dende aí, aparte de traernos tempo seco, tamén propiciou a chegada de ventos do surleste, cálidos, con temperaturas moi altas para a época do ano. Pero todo indica que o Inverno aínda non dixo a súa última palabra. Vexamos.

Xa esta derradeira fin de semana de Marzo o tempo comezou a cambiar coa chegada de aire frío en altura que, xunto ca calor acumulada de semanas pasadas, propiciaron a formación de nubes de evolución que deron lugar ás primeiras treboadas «de tarde» da tempada, as típicas que se forman no interior da comunidade nesas tardes de calor insoportable. Treboadas que, persoalmente, é dos meteoros que máis me gustan, tanto pola súa complexidade para pronosticalas, como pola beleza e ferocidade que transmiten á vez. Este aire frío chegou grazas ao debilitamento do anticiclón polo seu flanco sur, que fixo que, nun primeiro momento, se desen chuvascos nas Canarias, para posteriormente ir subindo para o sur Peninsular e Mediterráneo e, finalmente, rematar por dar chaparróns treboentos en Galicia. Todo isto é un efecto dominó moitas veces.
Así pois, esta bolsa de aire frío en altura, xunto co afastamento do anticiclón cara o Atlántico, fará de «atractora» dunha potente vaguada que xa chegará o Martes/Mércores, co retorno do vento do norte e un brusco descenso das temperaturas, acompañado dalgunhas precipitacións, poucos importantes e intermitentes na metade norte de Galicia, con neve na montaña de Lugo, pero de momento en cotas altas. Será o Venres, cando a situación se volva máis interesante. Aínda quedan moitos días e as saídas modelísticas, loxicamente, están dando moitas voltas debido á complexidade da situación e pola época na que estamos.
Na animación superior obsérvase perfectamente como, a primeira entrada fría, aparte de ser menos intensa ca que ven despois, vaise algo ao leste, máis cara o Cantábrico oriental. Isto débese a que nese intre aínda o Anticiclón está o suficientemente preto como para enviar o aire frío ao leste, pero no segundo intento, isto xa non pasa. Inmediatamente despois da primeira entrada de aire frío (Mércores) chega outra, máis potente, dende o Atlántico, con ISOS (temperatura en altura) máis baixas cara o Venres. E aquí é cando empezan as discrepancias modelísticas.
Esa segunda descarga de aire frío ten potencial para formar algunha pequena borrasca, pero claro, non está claro nin onde nin como. Temos polo tanto dous escenarios moi distintos:
- Un primeiro escenario que se plantexa, é que a borrasca se sitúe ao norte/nordés de Galicia. Este é o máis inestable, pois a comunidade Galega quedaría na posición correcta para que todo o aire frío procedente do noroeste que arrastra a borrasca lle impactase. Con esta configuración, a neve visitaría cotas moi baixas.
- O segundo, é que a borrasca se forme ou se pasee fronte á costa oeste Galega. Este escenario para ver neve en cotas baixas non é bo, pois o paso do centro de baixas presións ao oeste, provoca que o aire frío en altura e tamén en capas medias tamén se vaia moito ao oeste, quedando todo no mar. Con isto, faría frío, chovería, e nevaría en cotas medias-altas, pero nada que ver co que podería traer o primeiro escenario.

Para facernos unha idea do brusco que será o cambio, podemos botar man dos mapas das anomalías da temperatura a 2 metros sobre o nivel da superficie, é dicir, a temperatura que sentimos. Vemos perfectamente, na imaxe da esquerda, como onte Domingo aínda as anomalías eran moi positivas en todo o norte da Península Ibérica pero especialmente no noroeste, en Galicia, onde de novo os valores máximos pasaron dos 22-23ºC nalgúns puntos. Pero fixádevos no mapa da dereita, o cal mostra as anomalías da temperatura pero para o vindeiro Venres, situación totalmente oposta, toda a Península Ibérica con valores por debaixo do normal, ata 10-12ºC menos do que viría sendo habitual.
Estos cambios tan bruscos nesta época son totalmente normais, o que pasa é que vimos dun mes de Marzo atípico, con moitos días de temperaturas altas e moitos días secos. Isto fixo que a floración esté moi adiantada e que o corpo xa se habituara a máximas moi agradables. Por isto, o cambio para o frío, o corpo humano sentirao moito xa que xa se habituou á calor, pero onde sí pode ser un desastre é no agro. Como xa comentamos, a floración vai moi adiantada, e como veña unha xeada, ou neve, que é o que se ve a día de hoxe, as froitas vano pasar moi mal. Que chegue o frío de xeito tardío é totalmente normal, pero vindo do Marzo que tivemos, pode ser un problema.
-Como se comportará Abril?

Botamos agora unha ollada a como se pode comportar o mes que vimos de comezar. Para iso, temos que coller o modelo estacional CFS, que é un dos que ten a opción de ver posibles tendencias a moi longo prazo. Está en fase experimental, polo tanto, non hai que coller estes pronósticos ao pe da letra, pero si telos en conta.
O mapa superior indícanos as anomalías das precipitacións no continente Europeo que o modelo prevée para o mes de Abril. As cores laranxas/vermellas indican menos chuvia do normal, mentras que as cores verdes/azuis, un panorama máis húmido. Observamos como en practicamente todo o centro e norte de Europa debúxase un panorama seco/moi seco, con chuvias moi por debaixo do normal, e, se vos fixades, na Península Ibérica, tamén no noroeste Peninsular e por suposto Galicia queda dentro desta zona de precipitacións por debaixo do normal. Pola contra, sería a marxe Mediterránea a zona máis beneficiada polas chuvias. Estaremos, por tanto, ante un novo mes seco? Este tipo de tendencia pódenos insinuar que o anticiclón se situará rondando o Cantábrico, con ventos do leste, secos en Galicia pero húmidos no Mediterráneo, de aí esas anomalías. En varias semanas sairemos de dúbidas!
Tanto na conta de Twitter coma de Facebook que teño dispoñible estaredes informad@s a diario do que o tempo nos vaia presentando e das últimas actualizacións dos modelos e pronósticos, tanto para Galicia como para o resto da Península Ibérica.