AS NUBES, QUÉ SON E COMO SE FORMAN?

A quen non lle chamou a atención, algunha vez da súa vida, a forma que tiña unha nube? Esos xiros tan extraños e peculiares que teñen, esa dispersión de cores, que tanto nos sorprende e que, se temos a man unha cámara, non dubidamos un segundo en poder inmortalizar a beleza que temos ante os nosos ollos. A verdade é que eu son o primeiro que fai iso. Xa, cando era pequeno, gustábame moito sentarme en calquer sitio da miña horta a observar o comportamento que tiñan, e, creédeme, apréndese moito sobre o futuro tempo que nos agarda.

Se se sabe interpretalas ben, as nubes poden ser unha ferramenta moi útil para preveer o tempo atmosférico, especialmente a nivel local. Hoxe en día, co avance da tecnoloxía e coa utilización dos modelos numéricos e dos superordenadores, a «observación» das nubes quedou un chisco atrás, pero iso non quere dicir que non siga tendo importancia. Tanto nos poden amosar a inmediata chegada de tempo severo nas vindeiras horas, como a cara máis amable da meteoroloxía, con multitude de formas que fan voar á nosa imaxinación. Pero, sabes, en realidade, qué é e de que se compón exactamente unha nube?

QUÉ SON AS NUBES?

Unha nube é unha «masa» de partículas de auga e xeo que están suspendidas na atmosfera. Estas pequenas partículas, microscópicas, teñen un tamaño aproximado de entre 0.002 mm e 0.006 mm de diámetro, partículas que están sostidas na atmosfera debido a pequenas correntes ascendentes do aire. Imaxinade esa ducha de auga quente en pleno Inverno. Cando saídes, todo o baño está cuberto por unha especie de néboa moi mesta na cal, se vos fixades, flotan polo aire pequenas gotiñas de auga, moi, moi pequenas. De tan pequenas que son, non pesan nada, e polo tanto, calquer movemento do aire, mantenas en suspensión, polo menos durante un tempo.

Outro motivo importante polo que as nubes non «caen», é polo chamado equilibro hidrostático. Sona algo complicado de entender, non? Pois que va! Todo o contrario. Aquí entra en xogo algo que comentaba en liñas superiores, as correntes ascendentes e a presión atmosférica. Na superficie terrestre, a presión sempre acostuma ser máis alta que a niveis altos, e o aire tende a «escapar» das altas presións cara unha presión máis baixa. Polo tanto, o aire ascende. Crease, entón, unha corrente ascendente que mantén a nube «a flote».

David Domínguez. 31 de Agosto 2015. Campo Lameiro

A formación das nubes, ven dada pola presenza do vapor de auga que hai no aire debido á evaporación constante que acontece nos mares, nos ríos, nas lagoas, nos oceanos cando estos son caldeados pola radiación solar. Isto está presente sempre arredor nosa.

Cando o aire húmedo se eleva, normalmente, a temperatura vai arrefriando. Cando este aire se atopa co chamado «punto de rocío«. Qué é o punto de rocío?

O punto de rocío é a temperatura á que hai que arrefiar o aire para que o vapor de auga que contén se condense

Por exemplo, se temos unha temperatura de 15ºC e unha humidade do 80%, cando a temperatura caia a 10ºC, a humidade subirá ata o 100%, polo tanto, aí teremos un ambiente saturado de humidade e comezará a condensación en forma de néboas ou «orballo», esas gotiñas que vedes nas superficies moitas mañás. Para isto, hai que ter en conta que, cando a temperatura sube, a humidade relativa baixa, e cando a temperatura descende, a humidade sube, esta é unha lei moi importante na meteoroloxía.

Polo tanto, unha parcela de aire húmedo que comeza a subir de altitude, vai chegar un momento no que se tope con unha temperatura que faga que se condense, formando unha nube. Este límite pódese observar a simple vista moitas veces nunha tarde de Verán, cando, tras unha mañá solleira, comezan a aparecer nubes que semellan cortadas a coitelo pola súa base, é aí onde se sitúa o nivel de condensación.

CÓMO SE FORMA UNHA NUBE?

De xeito moi xeral, pódese dicir que unha nubes se forma polo que comentamos anteriormente, unha parcela de aire máis cálido e húmido ascend de altitude, vai perdendo temperatura e, polo tanto, vai gañando humidade. Cando chega a unha determinada zona, satúrase e o vapor de auga que hai nesa parcela de aire, condénsase, formando a nube. Pero todo isto vai moito máis alta, hai varios procesos polos que se pode formar unha nube, e ímolos detallar nas seguintes liñas.

  • Ascensos de parcelas/bolsas de aire por convección: Antes de nada, vaiamos a describir qué significa «convección».

Transferencia do calor dentro do aire polo seu movemento. Úsase para describir o transporte vertical do calor e da humidade, especialmente polas correntes ascendentes e descendentes dunha atmosfera inestable.

AEMET

Poñamos o caso dun espléndido día solleiro de Verán, o sol comeza a quentar a superficie terrestre e a partir do mediodía, pequenas bolsas de aire cálido, pouco densas, comezan a ascender pola columna atmosférica. Recordemos que, por unha parte, o aire cálido é pesa moito menos que o aire frío e que, a presión, polo xeral, é moito máis alta na superficie que varios quilómetros máis arriba, polo tanto, a unión destes dous factores, crea as famosas correntes ascendentes das que estamos falando. Son unha especie de columnas invisibles polas que vai ascendendo o aire.

A parcela de aire vai subindo ata que, de súpeto, vemos como, tras unha mañá solleira e de moita calor, aparecen unhas pequenas nubeciñas, brancas, de pequeno tamaño. Isto quere dicir que a parcela de aire chegou ao chamado «nivel de condensación», onde a temperatura é a determinada para que o vapor de auga contido na bolsa de aire se condense. Se vos fixades, normalmente, as primeiras, acostuman aparecer enriba das serras e dos montes. Isto débese a que nas serras, a cantidade de humidade é maior, e polo tanto, de chegar o aire a unha determinada altura, tería menos problemas para condensar en forma de nube. E por outra parte, a orografía das serras e dos montes é moito máis abrupta que a das chás. Aquí entra en xogo o chamado «forzamento orográfico» que non é máis que a obrigación que a orografía lle impón ao aire para ascender polas ladeiras arriba.

Se temos suficiente inestabilidade e suficiente aire frío en altura, a nube da que falábamos anteriormente, pequena e sen nada que temer, seguirá medrando ata formar un enorme nube de treboada chamada «cumulonimbo» que rematará por descargar un forte chuvasco alí onde caia. Sónavos isto? É moi habitual!

  • Ascenso de capas de aire adxacentes a montañas e a masas de aire: Hai veces que unha masa de aire extensa vese obrigada a superar unha montaña. Debido a isto, cando unha masa de aire cálido se topa cunha montaña ou cunha serra, ascende por ela, enfriándose e condensándose en forma de, habitualmente, nubosidade de tipo estratiforme (por capas).

Outro aspecto a comentar é que tamén pode pasar que a masa de aire frío coa que se topa o aire cálido sexa tan forte que o aire cálido non sexa capaz de desprazalo. De acontecer isto, o aire cálido comézase a deslizar por riba do aire frío. Este proceso é moi lento e polo tanto non hai que agardar procesos de convección importantes, a nubosidade que se forme aquí vai ser, tamén de tipo estrato, por capas, como unha gran masa nubosa plana.

  • Convección por aire frío en altura: Poñamos o caso de que temos unha masa de aire frío que se despraza a gran velocidade, pero, móvese máis rápido a máis altura que a nive da superficie. É moi habitual que unha persoa esté aínda con aire cálido mentras que 5 ou 6 km máis arriba o aire frío xa é dominante.

Xusto no límite entre o aire frío e o aire cálido a unha determinada altura, o aire cálido, debido ao contacto co aire frío, comeza a arrefriar, perde temperatura, gaña humidade, e polo tanto condénsase en forma de pequenas nubeciñas en forma de algodón chamadas altocúmulos. Digamos que, a esa altura, o aire cálido compórtase coma se fose a superficie terrestre e un chan quecido, polo tanto, nese límite superior do aire cálido pódense producir pequenas correntes de convección que darán lugar a gran cantidade de cúmulos sen importancia xa que a esa gran altura, a humidade é tan baixa que non é suficiente como para que as nubes poidan seguir medrando.

Nubes lenticulares en Xove
Autor: Miguel Ángel
  • Formación de ondas por obstáculos ante correntes de aire: Unha corrente de vento, normalmente moi forte e moi alterada, «peta» contra a ladeira dunha montaña e por conseguinte comeza a ascender. Debido a que o vento é moi forte, cando logra rebasar a montaña inicia o seu descenso, tan forte que esa corrente de aire altera o fluxo normal do vento, que sería recto, formando ondas que se organizan en diversas capas. Isto forma nubes que adquiren a forma de OVNIS ou platillos volantes, en forma de capas ovaladas ou circulares, tan singulares. É habituáis velas nas comunidades do Cantábrico cando o vento do sur é moi forte e supera a cordilleira dos picos de Europa.
Formación dun pileus enriba dunha nube de treboada
  • Ascensos de capas de aire húmido debido ao desenvolvemento de nubes situadas debaixo del: Unha nube de treboada acostuma ter velocidades ascendentes ou correntes de convección moi elevadas no seu interior. Nalgúns casos, poden superar os 100 km/h. Estas correntes, por suposto, tamén elevan as capas coas que se encontran e, se por casualidade, se encontran cunha capa de aire húmido, esta tamén subirá de altitude, arrefriarase, e condensarase en forma de pequeno gorro lenticular sobre a nube de treboada. Este pequeno gorro denomínase pileus.

Como vedes, hai multitude de procesos polos que se poden formar unha simple nube, algúns, máis complexos que outros, pero debido a eles, as nubes adquiren unhas formas ou outras. Este vai ser o primeiro artigo de varios que lle adicarei ás nubes. Nesta primeira parte, vimos qué era unha nube, de que estaba composta, e os procesos polos cales se podían formar. Nos seguintes artigos, estudiaremos os variados (porque son bastantes) tipos de nubes e o que nos indica cada un. Estou convencido de que moitas clases vanvos sonar e ídelas relacionar con un determinado tipo de tempo ou outro.

Todo isto, irémolo vendo en futuros artigos desta serie que lle adicarei ás nubes. Van ser varios, porque senon, concentrar todo o contido, nun artigo só, sería facelo moi longo e seguramente me vira obrigado a quitar información. Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram.

Deja un comentario