DERRADEIRA SEMANA DE ABRIL MARCADA POLA CHUVIA

Posición da borrasca e precipitacións previstas para o Mércores 29 de Abril

Abril quere facer honra ao refrán que leva o seu nome: Abril, augas mil. Levamos xa varias semanas con tempo inestable, o anticiclón non é quen, de momento, de gañarlle a partida ás diversas borrascas e bolsas de aire frío que pululan polo sur de Europa, e semella que vai seguir así bastantes días máis, pero con algúns matices.

Vimos de xornadas con treboadas, outras con ceos nubrados, outras con chuvias febles, pero sen un día de sol puramente anticiclónico. Todo debido a que o anticiclón non consegue situarse na zona onde ao noroeste Peninsular lle da toda a súa influenza, no mar Cantábrico. Grazas a isto, as bolsas de aire frío en altura seguen rondando a Península Ibérica, provocando treboadas que chegaron a provocar problemas en moitas zonas, como por exemplo, recordade aquel Martes 14 de Abril no que o pedrazo fixo acto de presenza en moitas zonas de Galicia.

Esta semana entrante, non falaremos de treboadas como tal e de tempo variable, senon que estaremos baixo a influenza dunha borrasca Atlántica que chegará cara mediados de semana e provocará una inestabilización bastante importante da situación con ventos intensos e chuvias cuantiosas, especialmente no prelitoral das Rías Baixas.

Auga acumulada prevista polo modelo ECMWF en 10 días

No mapa da esquerda, podemos ver o que nos mostra o modelo Europeo (ECMWF) en canto a chuvias se refire de aquí en 10 días, ata a primeira semana do mes de Maio. Póñovos este tipo de mapa porque é moi gráfico para poder ver con claridade a configuración atmosférica que teremos nos vindeiros días.

Amosa a cantidade de auga que se prevée que caia ata o Mércores 6 de Maio. Loxicamente, a tan longo prazo, as cantidades non as hai que tomar ao pe da letra, pero si que nos dan unha idea aproximada de canta auga pode caer nunha zona en concreto. Vemos claramente como a zona con máis auga acumulada neste periodo vai ser o noroeste Peninsular e, concretamente Galicia, algo lóxico, ao tratarse dun episodio de ventos do suroeste.

En xeral, as precipitacións estarían ben repartidas por toda a xeografía Galega, pero serían as provincias Atlánticas e especialmente o prelitoral das Rías Baixas, as zonas onde se vai acumular maior cantidade de auga. Estamos falando de rexistros superiores aos 130 l/m2. Non é nada impresionante, pero seguiremos acumulando auga nesta Primavera tan revolta, algo que non ven mal, antes de afrontar o Verán, que nunca se sabe como vai vir.

Pronóstico a 7 días para a cidade de A Coruña. Elaborado por Redmeteo

Para ver como se comportará o tempo máis en detalle, imos a ver o pronóstico para A Coruña. A semana comezará con chaparróns intermitentes en toda a xeografía Galega, non se descarta que localmente sexan fortes e veñan con aparello eléctrico. Xa o Martes seguiremos con chuvascos pero non serán tan intensos e frecuentes coma o Luns, relativa calma antes do achegamento da borrasca que nos deixará fortes ventos e chuvias cuantiosas o Mércores.

Tanto o Mércores coma o Xoves semella que van ser os peores días da semana. A borrasca vaise situar entre as Illas Británicas e o noroeste Peninsular. Polo tanto, precipitacións abundantes, non tanto como nas Rías Baixas pero caerá arreo, así coma o vento tamén se vai deixar notar.

Cara a fin de semana, pasa a borrasca cara o leste e a dorsal anticiclónica vai coller forza grazas a outra vaguada que se achega polo Atlántico. Esta vaguada vai impulsar con forza a dorsal Africana cara o sur Europeo e, queda moito pero poderíamos estar falando do primeiro episodio de forte calor no leste Peninsular, pero o dito, queda moito. En Galicia a semana rematará con tempo máis seco, vento do sur, e ascenso das temperaturas. A probabilidade de precipitacións será menor na fin de semana. Pero ollo, porque vai ser, con case total probabilidade, unha melloría transitoria.

Polo tanto, continuaremos coa mesma tónica que tivemos esta semana, seguirá o tempo revolto, típico desta época. Recordade que estou en Twitter, Facebook, onde seguiremos en tempo real o que esta situación nos vaia traendo. Agora, tamén en Instagram.

Deja un comentario